DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As propostas para os concursos de creación artística poden presentarse ata o 31 deste mes

A UVigo busca facer agromar o talento audiovisual, fotográfico, pictórico e musical da comunidade universitaria

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Arte
  • Cultura
  • Música
  • Premios
  • Cultura
M. Del Río DUVI 05/07/2021

Catro categorías, oito modalidades e 8800€ en premios. Estas son as cifras que resumen os concursos de creación artística que a Universidade de Vigo convoca na procura da creatividade, a inspiración e a vangarda que acubilla a comunidade universitaria. Ata o día 31 de xullo, tanto o alumnado como o persoal de administración e servizos e docente e investigador poden presentar as súas obras aos XVIII Premio de creación audiovisual, o XVII Certame de fotografía, o XVIII Premio de pintura e o XVIII Premio de maquetas de música.

Nesta ocasión, a Vicerreitoría de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria apostou por simplificar os trámites para a entrega das propostas a través da Sede Electrónica en lugar de presentar as obras a través do Rexistro. A única excepción está no Premio de pintura, xa que dadas as características especiais desta modalidade, a selección farase en dúas quendas, presentando primeiro na Sede Electrónica un dossier sobre a obra e, tras unha selección inicial por parte do xurado, solicitarase a achega da obra física ás persoas seleccionadas. De entre este último grupo sairá a peza gañadora.

Premio de creación audiovisual 

O Premio de Creación Audiovisual está aberto a toda a comunidade universitaria e comprende catro modalidades: curta narrativa, documental, vídeo experimental e animación. A cada unha delas poden presentarse traballos amateur e orixinais non galardoados en ningún outro concurso ou festival autonómico, nacional ou internacional. A elección da temática é libre e establécese unha duración máxima das pezas de 15 minutos, así como unha duración mínima de 10 minutos na modalidade documental. O material audiovisual contido nas obras debe ser de produción propia ou, no seu defecto, compre citar as fontes das imaxes alleas que se inclúan así como o estado dos dereitos de utilización delas. Cada participante ou grupo de traballo poderá presentar un máximo de dúas obras por cada unha das modalidades. Nesta categoría repartiranse un total de 4400€. O gañador en cada modalidade recibirá un galardón de 700€ e os segundos clasificados un premio de 400€ .

Certame de fotografía

O Certame de Fotografía comprende dúas modalidades, a de imaxe única e a de serie. Calquera membro da comunidade universitaria que non fose premiado con anterioridade nesta convocatoria pode presentar as súas obras, cuxas temáticas serán libres. As fotos poderán ser en cor ou branco e negro e as series poden estar formadas de entre tres e cinco instantáneas. O tamaño non pode ser inferior a 3000 px, nin superior a 5000 px no seu lado máis longo. A persoa autora da serie gañadora recibirá 600€, mentres que a segunda clasificada obterá 300€. No caso da fotografía única, establécese un primeiro premio de 400€ e un segundo de 200€.

Premio de pintura

Outra das categorías clásicas dos premios de creación artística da UVigo é a de pintura. Neste certame pode participar calquera membro da comunidade universitaria que non fose premiado en edicións anteriores neste mesmo premio. Cada participante pode presentar unha única obra orixinal e que non fose galardoada en ningún outro concurso. A técnica é libre e o tamaño das obras non debe exceder de 200 centímetros na maior das súas dimensións. A técnica utilizada debe garantir a estabilidade da obra, evitando no posible a utilización de materiais que se podan degradar co paso do tempo. Establécese un premio e 1600€ para a obra que resulte mellor valorada. Se a xuízo do xurado, a cantidade e calidade das obras presentadas ao premio así o permitiran, organizaranse unha ou varias exposicións no ámbito da Universidade de Vigo co seu correspondente catálogo. As pinturas premiadas formarán parte da colección artística da Universidade de Vigo.

Maquetas de música

A derradeira das categorías que completa o catálogo de premios de creación artísticas da UVigo é a música. A institución trata así de poñer en valor a creatividade de bandas ou solistas formados outorgando un primeiro premio de 850€ e un segundo de 450€. A este concurso poden presentarse aqueles solistas que sexan membros da comunidade universitaria da Universidade de Vigo (alumnado, PAS e PDI), ou aqueles grupos que teñan entre os seus compoñentes polo menos dous membros da institución ou tres no caso de grupos de cinco ou máis compoñentes. O único requisito é que as persoas que se presenten non teñan editado ningún traballo discográfico, agás que sexa autoeditado e non conten con respaldo discográfico na actualidade. Ademais, os temas incluídos na maqueta non poden ter sido premiados en ningún outro concurso.

Como sucede no caso do certame de pintura, a Universidade de Vigo resérvase a posibilidade de editar un CD ou DVD con temas das persoas gañadoras en cada modalidade ou promover actuacións destas.