DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O equipo vigués está composto por Luís Tomás García e por Marta Llorca

A UVigo, campioa de España universitaria de golf por segundo ano consecutivo

Llorca tamén obtivo o ouro na clasificación individual ou scratch

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Deportes
  • Estudantado
  • Deportes
DUVI 19/05/2023

O equipo de Golf da Universidade de Vigo acaba de facerse coa medalla de ouro que o acredita como campión de España Universitario no campionato celebrado ao longo desta semana no campo de golf de La Faisanera, en Segovia. Luís Tomás García Vázquez, estudante do Grao en Comercio e Marta Llorca García, alumna do Grao en Dereito en Vigo impuxéronse con 453 golpes á Universidad Abat Oliva CEU, que foi segunda con 462 e á Universitat Politécnica de Valencia, terceira con 478 golpes. A falta de 18 buratos para o remate do torneo, a parella viguesa xa contaba cunha clara vantaxe de nove golpes respecto de Andrea de Sentmenat e Vicente Mestre, representantes de Abat Oliva CEU. 

No que se refire ás clasificacións individuais, Llorca tamén se proclamou vencedora. A estudante, que conta con experiencia nos equipos nacionais, obtivo unha vitoria na modalidade scratch con 224 golpes, seguida de Andrea De Sentmenat, da Universidad CEU Abat Oliba, con 227 e de María Ayestarán, da Universidade do País Vasco, con 239 golpes. A representante viguesa xa dominaba a táboa a falta dunha ronda cunha renda de catro e nove impactos sobre as dúas rivais directas, e estas foron as posicións que permaneceron intactas ao final.

A competición, organizada pola IE University, contou cunha nutrida representación de deportistas universitarios, 12 mulleres e 41 homes, e estivo marcada polas difíciles condicións de vento, que complicaron moito o traballo dos e das estudantes.

A UVigo, campioa por segundo ano consecutivo

Este é o segundo ano consecutivo no que a Universidade de Vigo se fai co ouro no Campionato de España Universitario de Golf. Xa en maio en 2022, a parella formada por Luís Tomás García e Marta Llorca se proclamara por primeira vez na historia da institución olívica campións por equipos, mentres que Marta tamén se impuxo na clasificación individual. Esta nova vitoria confirma a hexemonía do equipo vigués, que toma a remuda da Universidade de Málaga, que viña dominando os torneos nos últimos anos.