DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo anunciou o reitor, Manuel Reigosa, nunha carta á comunidade universitaria

UVigo e Colexio Oficial de Psicoloxía acadan un compromiso de colaboración para a prestación dos servizos de apoio psicopedagóxico ao estudantado

Ata a súa implantación, os casos máis urxentes derivaranse a profesionais

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Reitor
  • Saúde
  • Institucional
DUVI 23/11/2023

A Universidade de Vigo e o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG) acadaron un compromiso de colaboración para a prestación dos servizos de apoio psicopedagóxico orientado a favorecer a integración do estudantado no ámbito académico. Así o anunciou este xoves o reitor, Manuel Reigosa, nunha carta remitida á comunidade universitaria. Tras abordar este mércores en Consello de Goberno a situación na que se atopaba o servizo do Gabinete Psicopedagóxico, despois de que os dous concursos convocados con este obxecto quedasen desertos, tanto a licitación inicial, como a realizada posteriormente por prodecemento de urxencia, Reigosa informou este xoves do compromiso alcanzado co COPG. Este permitirá, explicou, ofrecer un servizo dirixido “a previr e a fomentar o benestar psicopedagóxico do estudantado para mellorar a súa integración na comunidade universitaria”.

Como sinala neste escrito, este servizo terá carácter gratuíto para os alumnos e alumnas, tras solicitalo á Unidade de Atención ao Estudantado con Necesidades Específicas de Apoio Educativo (Unaten). Ao longo da vindeira semana, desde esta unidade contactarase co alumnado adscrito ao Programa de atención á diversidade (Piune), “para informarlle dos pasos que debe seguir”. Tamén se porá en contacto “co estudantado que comunicou a necesidade e o interese por acudir a un servizo de atención psicopedagóxica”, informou Reigosa.

Por outra banda, mentres non se “implementan as accións derivadas” deste compromiso, “que requiren duns días para seren activadas con total garantía”, a Unaten “empezará esta mesma semana a derivar os casos máis urxentes” a profesionais de Vigo, Pontevedra e Ourense. Reigosa aproveitou así mesmo o escrito remitido este xoves para “agradecer o grande interese” amosado pola comunidade universitaria nas últimas semanas “polos dereitos á igualdade de oportunidades no acceso aos estudos de todo o estudantado, en especial dos pertencentes aos colectivos máis vulnerables.

Texto íntegro do reitor