DUVI

Diario da Universidade de Vigo

En recoñecemento ao emprego da lingua galega nas súas actividades

A UVigo concede o seu distintivo de galeguización Gal Ego 2023 á Facultade de Educación e Traballo Social

Tamén outorga un galardón honorífico á Facultade de Filoloxía e Tradución

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Lingua Galega
  • Premios
  • Institucional
DUVI Ourense 07/12/2023

A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense é a gañadora do distintivo de galeguización da Universidade de Vigo Gal Ego 2023, posto en marcha este curso académico pola institución académica para incentivar e recoñecer o emprego da lingua galega en facultades e escolas. Nesta primeira convocatoria de Gal Ego, a Facultade de Filoloxía e Tradución do campus de Vigo tamén acada un galardón honorífico.   

Boa acollida

Susana Reboreda, vicerreitora de Extensión Universitaria, explica que “a idea de lanzar esta iniciativa, que se inspira no distintivo de Igualdade xa existente na UVigo, está en consonancia cun dos obxectivos da nosa Área de Normalización Lingüística, como é fomentar o uso do galego na Universidade”. O distintivo Gal Ego ten unha vixencia de catro anos (2023-2027), tras os que o centro deberá presentarse de novo a esta convocatoria se o quere renovar, e vai acompañado dunha contía económica de 3.000 euros para que a facultade ou escola empregue en desenvolver actividades ou iniciativas que fomenten o uso do galego. O acto de entrega dos galardóns terá xa lugar en 2024.

Nesta edición, comenta a vicerreitora, “a acollida do distintivo por parte dos centros foi boa, tendo en conta sempre que é a primeira vez se convocou”. Así, ademais das galardoadas, presentáronse as facultades de Ciencias Económicas e Empresariais; Dirección e Xestión Pública; Dereito; Ciencias Empresariais e Turismo e a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo. Desde a organización da iniciativa agradécenlle o esforzo de terse presentado á convocatoria e sobre todo o seu compromiso coa lingua galega, emprazándoos a participar en vindeiras edicións. Sobre a concesión á Facultade de Educación e Traballo Social de Gal Ego 2023, Susana Reboreda destaca que “é un centro absolutamente comprometido e moi activo non uso do galego na súa actividade pero tamén está sempre desenvolvendo iniciativas que directamente fomentan o seu emprego”. Ademais, apunta, a Comisión do distintivo resolveu outorgar á Facultade de Filoloxía e Tradución un galardón honorífico xa que dadas as características propias deste centro, a súa participación non casaba axeitadamente cos requisitos da convocatoria do distintivo. Porén, a Facultade de Filoloxía e Tradución, sinala a vicerreitora, é “un centro que realiza un grandísimo traballo a prol do fomento do galego que é xusto recoñecer tamén”.

Distinción para a Facultade de Educación e Traballo Social

Na memoria presentada pola Facultade de Educación e Traballo Social para optar e acadar este distintivo destácase, atendendo aos méritos valorados na convocatoria, que a lingua maioritaria da docencia é a galega, con 80 materias neste idioma nos catro graos (dun total de 151) e sendo só dez impartidas en lingua castelá (e o resto en ambas linguas). Todo o persoal de administración e servizos do centro, indícase, conta con cursos homologados desta lingua e o 76,5% do profesorado declara comunicarse co alumnado nela de forma exclusiva ou maioritaria. Ademais, existe unha persoa de enlace, a profesora Ana Iglesias, vicedecana de Normalización Lingüística, e unha Comisión de Normalización Lingüística. Entre as actividades e accións en lingua galega, desde o centro destacan, entre outras, a celebración de eventos como a do Día de Rosalía e o das Letras Galegas, os cursos de formación para o profesorado e a publicación de materiais docentes. A páxina web da facultade, enumeran, está integramente en galego, ademais de en español e inglés, e a maior parte da documentación que aloxa está exclusivamente nesa lingua. Outro méritos apuntados é que a comunicación institucional realízase exclusivamente en galego, tanto desde os órganos de goberno como desde as diferentes coordinacións, ao igual que o desenvolvemento dos actos institucionais.

Xosé Manuel Cid, decano da Facultade de Educación e Traballo Social, amosa a satisfacción do seu centro por acadar este distintivo. “Agradecemos moito a súa concesión pois supón un recoñecemento á traxectoria histórica desta facultade de compromiso, desde as súas orixes, co galego como primeira lingua de comunicación da súa comunidade universitaria”, comenta. Igualmente, tamén pon en valor “os grandes esforzos, aínda que non se valoran, en investigación en galego” e na parte de docencia a posta en marcha xa hai varios anos do plan de impartición de títulos en galego, concretamente dos graos de Educación Infantil e Educación Primaria. “A nosa aposta pola galeguización foi sempre moi forte xa que somos unha facultade que está en Galicia, que ten lingua e cultura propias, e a Universidade non pode estar ao marxe diso”, afirma o decano. O responsable académico lembra que “lamentablemente estamos nunha realidade na que o emprego do galego está en caída” nos diferentes niveis educativos. “A nós gustaríanos que no ensino Infantil, Primario e Secundario se apostase máis pola lingua galega, con medidas máis rigorosas e máis comprometidas. O noso grao de area nese camiño é, como facultade na que se forman futuros mestres e mestras, intentar transmitirlles e facelos partícipes dese compromiso coa lingua e a cultura galegas”, comenta Xosé Manuel Cid.

E galardón honorífico para a Facultade de Filoloxía e Tradución

Desde o decanato da Facultade de Filoloxía e Tradución destacan pola súa banda que a distinción honorífica acadada supón “un recoñecemento ao noso labor cotián a prol do idioma propio de Galicia, baixo un compromiso en todo momento firme e infatigable”. O distintivo Gal Ego, engaden, “supón unha iniciativa de gran calado para o impulso da práctica real da lingua galega nesta Universidade e por extensión na súa contorna de influencia”. Así apuntan que esta iniciativa pode converterse para os centros nunha “grande oportunidade de lograren ese pulo motivacional para se vencellaren a unha liña galeguista que, lonxe do localismo excluínte, devece pola singularidade das súas raíces en beneficio da meirande internacionalización e recoñecemento exterior dende un xeito particular de estarmos no mundo”. Nesta liña de pensamento, a Facultade de Filoloxía e Tradución, afirman os seus responsables, “quere seguir sendo como é e este premio reafírmanos nesa idea. Ogallá máis centros da UVigo se identifiquen con tal proceder e acaden tan oportuno distintivo; será mostra dunha ciencia, dunha tecnoloxía e dunha cultura de noso e dende o noso, viva, orgullosa e universal”. Precisamos, indican por último, “que o galego se incorpore de modo habitual, sostido e progresivo como vehículo de ensino regular nas diversas materias dos nosos diferentes campus. O distintivo Gal Ego axuda a aplanar este camiño”.