DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha reunión celebrada este martes entre Manuel Reigosa e Gonzalo Pérez Jácome

UVigo e Concello apostan polo soterramento parcial da avenida Otero Pedrayo para unir as dúas zonas do campus de Ourense

Na xuntanza tamén se abordou a necesidade de ampliación das instalacións universitarias

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Reitor
  • Visitas
  • Institucional
DUVI Ourense 19/09/2023

Este martes, o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, foi recibido polo alcalde da cidade de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, nunha xuntanza que tivo por obxectivo aunar forzas para impulsar a conexión peonil das dúas zonas do campus de Ourense. O alcalde trasladou o apoio do Concello á proposta realizada desde a UVigo para o soterramento parcial da avenida Otero Pedrayo, nas proximidades da actual pasarela peonil, concretamente dun treito duns 100 metros de lonxitude comprendido entre a rotonda da rúa Castelao e a rotonda que se atopa xunto á pasarela, fronte aos terreos onde a Xunta de Galicia ten previsto emprazar a súa futura sede na cidade. Este espazo, liberado do tráfico rodado, conectaría as dúas zonas do campus e converteríase nunha praza pública para uso e desfrute da comunidade universitaria e da veciñanza en xeral. Na xuntanza, o alcalde tamén expresou o apoio do Concello á demanda de novos espazos para o desenvolvemento futuro do campus.

O reitor agradeceu “o recibimento do alcalde” e detallou que a reunión centrouse en “dúas cuestións que en realidade se poderían solucionar cunha mesma actuación” e que son moi importantes “pensando no campus do futuro”. A primeira, dixo, “ten que ver coa permeabilidade entre campus”, sinalando que “a nosa proposta sería facer un topo, un soterramento, á altura do campus sur, que permitiría pasar en superficie de xeito peonil entre o campus norte e o campus sur, pasando a través desta parcela onde se vai a ubicar o edificio da Xunta”. A segunda cuestión, engadiu Manuel Reigosa, sería poder contar cun espazo dentro desa parcela na que se vai a construír o edificio da Xunta e ter así posibilidades de ampliación do campus. “O Concello xa se comprometeu a ceder algúns metros alí pero temos que buscar algo máis, porque contamos con que vai a ser preciso facer un edificio adicional”, comentou o responsable académico. O reitor manifestou o seu desexo de que “a ver se somos, entre todos, quen de facelo así, de sumar forzas e de conseguir que isto se faga dentro do seguinte mandato”, apuntando a súa convicción de que “a proposta que nós facemos, que pode ser estudada e modificada como se queira, pode facer moito ben, dende logo á Universidade, pero tamén á cidade”.

Soterramento e praza

Ao termo da reunión, Gonzalo Pérez Jácome lembrou que o soterramento da avenida Otero Pedrayo é “unha demanda común” desde hai tempo do Concello e a Universidade de Vigo. A proposta trasladada polo reitor, asegurou, permitiría dotar a contorna dunha “permeabilidade tremenda”, ademais de unir os campus e proporcionarlle unha mellor calidade de vida a estudantes e veciñanza, xa que “contarían cunha nova praza e poderían pasar dun campus ao outro sen ter que usar unha pasarela”. O alcalde avanzou que este proxecto de soterramento e nova praza pública será unha das tres demandas que ten previsto trasladarlle desde o Concello ao presidente da Xunta de Galicia, nun encontro previsto para o mes de outubro.

Por parte da UVigo tamén participaron na xuntanza celebrada este martes na sede do Concello de Ourense José Luis Míguez, vicerreitor de Planificación e Sostibilidade; Mónica Valderrama, vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, e Francisco Javier Rodríguez Rajo, vicerreitor do Campus de Ourense.