DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Caballero trasladoulle a Reigosa o acordado co ministro de Universidades 

UVigo e Concello concordan na aspiración dunha universidade presente e colaborativa coa sociedade

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Reitor
  • Institucional
DUVI 12/04/2022

De “moi proveitosa” cualifica o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, o encontro que mantivo nas últimas horas co alcalde de Vigo, Abel Caballero, en dependencias da alcaldía do Concello vigués. Na xuntanza, na que Caballero lle trasladou ao reitor o acordado co ministro de Universidades, Joan Subirats, en relación con “achegar a Universidade e a cidade”, Manuel Reigosa sinala que “concordamos na aspiración dunha universidade presente e colaborativa coa sociedade, coas empresas e coas institucións”. 

Pola súa banda, o alcalde de Vigo considera que cómpre “iniciar unha fase adicional para tratar os problemas das cidades e a contorna en distintos ámbitos como o económico ou o social”. O rexedor considera “unha oportunidade” e pide “interrelación total” entre ambas institucións “para participar en proxectos de investigación, en temas do concello para abordar temas económicos, a forma de entender a cidade, o desenvolvemento de novas liñas da economía, a enerxía, dixitalización, o I+D...” enumerou Caballero. 

Na xuntanza abordáronse e programáronse accións futuras a desenvolver entre as dúas institucións, “que loxicamente se porán en marcha despois das eleccións a reitor que se celebrarán o 4 de maio”, explicou Reigosa.