DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Manuel Reigosa e Manuel Baltar asinaron este mércores o acordo anual entre as dúas institucións

UVigo e Deputación de Ourense amplían a súa colaboración coa creación dunha cátedra de I+D de planificación rural e reto demográfico

O convenio para 2023 increméntase ata chegar por primeira vez a 300.000 euros

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Reitor
  • Institucional
DUVI Ourense 11/01/2023

Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, e Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense, asinaron este mércores o convenio de colaboración anual entre as dúas institucións que representan para o desenvolvemento de actividades en materia de cultura, educación e deporte no campus de Ourense. Como novidades, o acordo incrementa para 2023 a súa contía ata chegar por primeira vez a 300.000 euros (80.000 euros máis que o pasado ano) e ao seu abeiro crearase unha cátedra de I+D de planificación rural e reto demográfico.

Ademais da nova cátedra, o convenio renova e amplía a dotación económica das accións contempladas en anteriores edicións e que abranguen a convocatoria de axudas a grupos de investigación do campus de Ourense Inou 2023, un programa de apoio á mobilidade estudantil e bolsas para o alumnado do rural ourensán. Igualmente, inclúe actividades de extensión universitaria, cursos e obradoiros, exposicións, rutas culturais, actividades teatrais e do coro, ciclo de documentais, celebración do Día das Letras Galegas, participación no programa Aldear e o Curso Avanzado de Posgrao Didáctica da Ficción e Creación Literaria, entre outras actividades.

Sinerxía de colaboración

Tras a sinatura do acordo, que tivo lugar no Pazo Provincial coa presenza de Elena Rivo, vicerreitora do campus de Ourense, e Miguel Ángel Michinel, secretario xeral da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa salientou que o convenio “é o maior convenio que temos asinado na historia” de colaboración entre as dúas institucións e quixo amosar o seu agradecemento “pola confianza que se presta ao campus de Ourense”. O responsable académico lembrou que a Universidade de Vigo considera que ten “unha obriga moral de formar parte deste conxunto que está intentando facer de Ourense unha provincia e unha cidade máis desenvolvida” e neste senso destacou que “axudas como as que nos concede a Deputación de Ourense son importantísimas para desenvolver o noso labor”.

Pola súa banda, Manuel Baltar salientou que con este acordo “vamos empezar cun magnífico pé este ano” e destacou que o convenio é “sen dúbida interesante para os obxectivos xerais da universidade e para os obxectivos xerais da provincia de Ourense”. Recalcando o “compromiso inalterable” que une ás dúas institucións, o responsable do órgano provincial indicou que este convenio marco afonda nesa relación e significa “o recoñecemento do gran traballo que se está o facer desde o reitorado e desde o vicerreitorado do campus nesa aposta por Ourense”, apuntando neste senso a aprobación recentemente dos institutos de Agroecoloxía e Alimentación e de Física e Ciencias Aeroespaciais. O presidente provincial incidiu en que “benvido sexa todas estas apostas polo territorio, porque son apostas polo futuro de Ourense”.

Do turismo á alimentación

Respecto á nova cátedra de I+D de planificación rural e reto demográfico financiada pola Deputación de Ourense con 50.000 euros, Manuel Reigosa indicou que “vainos axudar para o desenvolvemento” deste novo Instituto de Agroecoloxía e Alimentación, centro que, lembrou, “será a base para un novo instituto ibérico de investigación que xa está asinado entre o Instituto Politécnico de Bragança e a Universidade de Vigo” e que está previsto que teña financiamento dos dous países implicados. A cátedra, indicou o reitor, vai a levar a cabo “unha serie de actividades que para nós son importantes porque o que van a facer é pór sobre a mesa todo o talento que temos nos eidos correspondentes”, apuntando como as súas propostas buscarán “arroxar un pouco de luz sobre o desenvolvemento futuro do rural ourensán” en temas como o turismo, as enerxía renovables, a agrobioloxía, a agroecoloxía e a alimentación.

Do mesmo xeito, Manuel Baltar comentou que esta nova cátedra é “unha medida innovadora a nivel nacional” e “única no sistema universitario” da que destacou que “afonda na filosofía que guía ambas institucións de preocupación polo desenvolvemento do noso medio natural, do territorio provincial, das súas potencialidades e da formulación de expectativas, da proxección de datos, da aplicación de tendencias, consultaría de expertos... en definitiva todo aquelo que repercuta nos intereses xerais de Ourense”. Igualmente, engadiu, a iniciativa avanza na busca de solucións e formulación de propostas “da man do talento e do coñecemento que ten a Universidade e o campus de Ourense do territorio”. As dúas entidades implicadas, lembrou o responsable do órgano provincial, xa teñen traballado en anos anteriores en diferentes iniciativas no eido do desenvolvemento rural e a creación desta cátedra no marco do convenio anual entre Deputación de Ourense e Universidade, dixo, “significa darlle estabilidade” a esa liña de traballo conxunta.

Por último, Manuel Reigosa indicou que grazas ao convenio asinado este mércores, darase novo pulo ás axudas a grupos de investigación Inou, que pasan de 48.000 a 60.000 euros de orzamento. Destas axudas, o reitor destacou que “son moi importantes porque están a facer que saiamos todos un pouco da zona de confort e que se xeren novos grupos de traballo que veñen de distintos eidos”, ao financiar a realización de traballos interdisciplinares. Respecto ás actividades de extensión universitaria en cultura e deporte, o responsable académico lembrou que “para nós é moi importante que a cultura galega se vexa recoñecida, está no noso plan estratéxico e no noso programa de goberno, e con este convenio imos ser quen de facer que isto sexa extensible non só á cidade de Ourense, cunha programación importante ao longo do ano, senón a distintas vilas do territorio”.