DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Repartíronse 9000 euros entre os mellores TFM e TFG sobre estas temáticas

A UVigo entrega 18 premios ao alumnado máis comprometido coa Axenda 2030 e os ODS

Maribel Doval: “Alumnas e alumnos son cada vez máis consciente dos retos que implica esta axenda”

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Estudantado
  • Medio Ambiente
  • Premios
  • Institucional
D. Besadío DUVI 18/01/2023

18 premios fronte aos seis habituais. A Vicerreitoría de Benestar, Equidade e Diversidade concedeu este curso 18 premios aos mellores traballos fin de grao e traballos fin de mestrado en Axenda 2030, cooperación ao desenvolvemento e RSU, unha cifra que triplica o número de galardóns que acostumaban concederse nestes premios. Rexistráronse 40 solicitudes -todos con cualificacións superiores ao 8,5- e o xurado decidiu premiar 18: os seis mellores TFG/TFM por orde de puntuación en cada unha das ramas de coñecemento ( dous para enxeñaría, dous para xurídico-social, un para ciencias e outro para arte e humanidades) e os seguintes 12 traballos con puntuación máis alta, sen ter en conta a rama de coñecemento, ata esgotar os 9000 euros dispoñibles para esta iniciativa. 

Dos 18 estudantes premiados, 15 son mulleres e tres homes, e cada un deles recibe un premio en metálico de 500 euros ou o prezo da matrícula nun mestrado oficial. “Todos estes traballos constitúen unha clara mostra de que os ODS se están a incluír na docencia, o que vai en liña co noso plan estratéxico”, explica a vicerreitora Maribel Doval, ao tempo que fai fincapé en que na UVigo foméntase de xeito claro a investigación nesta materia e “alumnas e alumnos son cada vez máis conscientes dos retos que implica a Axenda 2030 e interésase por contribuír a achegar solucións a algún deses retos”. A entrega de galardóns realizarase, segundo indicou a vicerreitora, coincidindo coa entrega dos premios UVigo-Humana, gala que aínda non ten data pero que previsiblemente se realizará antes  de finais de marzo.

Sistema de compostaxe para as cafetarías e comedores do campus

 

O traballo que acadou unha maior puntuación (9,75) foi o presentado por Esteban Maestripieri, alumno do Máster en Xestión do Desenvolvemento Sostible e autor dun TFM no que propón un sistema de compostaxe comunitaria e descentralizada para os biorresiduos das cafetarías e comedores dos campus de Vigo. “As cafetarías e comedores do campus xeran semanalmente ao redor dunha tonelada de biorresiduos que non son separados en orixe, polo que se depositan en contedores, mesturados con outros materiais non orgánicos (plásticos, metais...), co que o seu destino final é a incineración e vertedura”, explica o autor do traballo. Estes biorresiduos teñen, tal e como defende no seu TFM, gran potencial de ser compostados in situ, xerando beneficios sociais, ambientais e económicos. “Ademais o campus xera gran cantidade de restos verdes, como restos de poda, que poden servir como estruturante para o proceso de compostaxe”, indica o alumno.  A posta en práctica desta proposta xeraría, ao seu modo de ver, unha redución da cantidade de biorresiduos que son incinerados ou levados a vertedoiro e unha menor emisión atmosférica de CO2. “Tamén se obtería un compost de calidade que se podería utilizar na horta comunitaria do campus, mellorando a calidade e fertilidade do solo”, indica Maestripieri, quen tamén pon sobre a mesa a posible creación dunha Escola de Compostaxe, coa que fomentar a formación, concienciación e educación ambiental da comunidade universitaria. 

Licenciado en Ciencias Ambientais pola Universidade de Bos Aires, en Arxentina, Maestripieri considera que estudar o MXDS permitiulle obter unha visión xeral das problemáticas medioambientais. “Durante a realización do TFM aprendín e afondei nos meus coñecementos sobre a xestión de residuos orgánicos e a economía circular”, indica o alumno, quen realizou as súas prácticas de mestrado na Asociación Amigos da Terra. Realizou o traballo titorizado polo profesor Miguel Rodríguez e Ramón Plana, consultor ambiental e docente do mestrado, e a eles lles dedica o premio “así como a todo o persoal das cafetarías e comedores que colaboraron comigo”.

“Gustaríame que a miña proposta fose avaliada polo equipo de goberno da UVigo”, recalca o alumno “xa que o modelo proposto é moi viable e cóntase xa con numerosas experiencias deste tipo en numerosos campus de toda España”. Desde o punto de vista da Axenda 2030 a implementación desta proposta “é unha grande oportunidade para mellorar o desempeño ambiental da UVigo e contribuír ao cumprimento dos ODS”.

Máis biodiesel e menos combustibles fósiles 

 

Desde o eido científico premiouse, entre outros, o traballo Implementación de novos sistemas de separación de lipasas extremófilas, no que se aposta pola substitución dos combustibles fósiles polo uso de biodiesel. Trátase do TFG de Lucía López, graduada en Química e alumna do Máster en Ciencia e Tecnoloxía de Conservación de Produtos da Pesca. “O meu traballo consistiu na busca de alternativas ou melloras do proceso de produción deste combustible para que poida ser viable o seu uso nun futuro”, explica a estudante, ao que engade que se centrou nas principais problemáticas do proceso: as materias primas, o uso de catalizadores químicos, a posibilidade de reaccións secundarias que non interesa que se produzan e os residuos xerados no proceso, ademais do custe económico e enerxético que requiriría levar o proxecto a grande escala.  

No traballo propuxo algunhas modificación que poderían resolver esas problemáticas e que obtiveron un bo resultado no laboratorio. “Son modificacións baseadas nos principios da Química Verde e, polo tanto, ten puntos en común coa Axenda 2030 e os seus ODS, como empregar produtos de refugallo como materia prima, reutilizar reactivos e empregar os menos perigosos…”. 

Este premio, “ademais dunha grata sorpresa” supón para ela “un gran recoñecemento académico por parte da Universidade ao esforzo que implicou levalo a cabo”. Trátase dunha alumna moi implicada con todas as cuestións relacionadas coa Axenda 2030 e os ODS. “Realicei o curso de formación sobre a Axenda 2030 xa que me chamou a atención a temática e para min era algo descoñecido”, relata López, ao que engade que cando rematou esta formación decidíu continuar formándose participando como voluntaria no programa da UVigo Axentes do Cambio, colaborando neste caso coa Cooperativa SomosTerra. “Entre outras cousas o meu labor consistía en recadar información nos postos que montamos nas facultades e, ao mesmo tempo, divulgar información sobre a Axenda 2030 entre a comunidade universitaria.  Foi todo un recorrido de aprendizaxe”, salienta López, quen insiste en que “mentres poida seguirei participando neste tipo de proxectos e, por suposto, recomendo a todas as persoas que estean interesadas que se animen a  participar porque foi moi interactivo e divertido”.