DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Lonxe dunha finalidade informativa, terá un carácter eminentemente de entretemento e diversión

A UVigo estrea o ano lanzando a súa nova canle de TikTok

Nela Jéssica, unha moza en plena crise ‘nini’, investiga os segredos da institución durante un ano

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 08/01/2024

Cun estilo completamente diferente ao do resto das redes sociais da institución, a Universidade de Vigo estreou, co comezo deste 2024, a súa canle en TikTok, unha nova vía de comunicación especialmente deseñada para o público obxectivo da entidade, o da xeración Z, os que se atopan entre os 28 e os 24 anos.

A conta, baixo o nome de UVigoShow, lonxe de manter unha liña informativa, busca empregar o humor e a orixinalidade para contar as aventuras de Jéssica, unha moza ‘nini’, que nin estuda nin traballa e que, tras recibir a visita en soños de Oli, a mascota da UVigo, toma a decisión de investigar en profundidade a Universidade durante un ano para así descubrir cal é a carreira que máis encaixa con ela e deste xeito superar a seu "crise educativa-profesional".

Os vídeos que cada semana se irán colgando en UVigoShow irán debullando historias e curiosidades da Universidade de Vigo apoiándose sempre na comedia, o humor e o entretemento, ofrecendo contido orixinal e eficaz, e combinando a creatividade das tendencias actuais xunto cos obxectivos estratéxicos da Universidade de Vigo. Deste xeito, con esta nova aposta en redes, a UVigo busca aumentar a súa visibilidade nesta plataforma, xerar interacción con estudantes actuais e potenciais, posicionarse como unha institución dinámica e divertida en consonancia cas canles de entretemento actuais, atraer a atención de novos estudantes mediante a creación dun ambiente acolledor e divertido e, ao tempo, afastarse do concepto de "seriedade" e "aburrimento" e diferenciarse do resto de organizacións académicas a través da creatividade. 

A canle lanzouse o 1 de xaneiro e o primeiro vídeo xa foi reproducido máis de 1000 veces. Nos próximos días publicarase a segunda peza e porase en marcha unha iniciativa promocional para que os primeiros 500 seguidores da canle reciban un agasallo. Os detalles desta campaña daranse a coñecer na propia conta UVigoShow.