DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Fundamental celebrarase do 19 ao 21 de abril no pazo de congresos Mar de Vigo

UVigo e Fundación Mentor alíanse na posta en marcha do que será o “maior foro de empregabilidade e talento” de Galicia

A previsión é que se superen as 2000 persoas asistentes e sexan máis de 70 as empresas participantes

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Emprender
  • Estudantado
  • Universidade e empresa
  • Institucional
D. Besadío DUVI 08/03/2022

Por unha banda, dar a coñecer, posicionar e dinamizar o talento de Galicia e, pola outra, crear un espazo de diálogo multidisciplinar que poña en conexión o talento cos seus potenciais empregadores. Estes  son os obxectivos cos que a Fundación Mentor lanza, coa colaboración da Universidade de Vigo, Fundamental, un novo foro de talento e emprego que busca converterse “en referente da empregabilidade en Galicia”, tal e como subliñou o máximo responsable da fundación, Andrés Fernández, director xeral do grupo biotecnolóxico Zendal, tras a sinatura dun acordo específico de colaboración entre a UVigo e a Fundación Mentor no que se sentan as bases da cooperación entre ambas institucións na posta en marcha desta iniciativa. 

A primeira edición de Fundamental celebrarase do 19 ao 21 de abril no pazo de congresos Mar de Vigo e nela terá especial protagonismo o alumnado da Universidade de Vigo, institución que dará todo o seu apoio á posta en marcha deste foro. “Estamos diante dunha actividade moi novidosa e tamén moi importante, xa que será un evento a gran escala no que se vai pór en contacto o alumnado coas empresas e coa sociedade en xeral”, subliñou o reitor, Manuel Reigosa, ao que o presidente da Fundación Mentor engadiu que “estamos a falar dunha iniciativa única en Galicia, xa que ata o de agora non houbera nunca unha aposta tan forte por un foro de talento e, ademais, con tantos participantes”, explicou Fernández, quen, se ben non se atreveu aínda a facer unha estimación do número de participantes, admitiu que agardan superar as 2000 persoas asistentes e que sexan máis de 70 as empresas participantes.

Vocación internacional e intención de converterse en anual 

“Levamos xa tempo formando os alumnos e alumnas universitarias en habilidades brandas, pero se a formación non repercute en empregabilidade perde unha gran parte do seu sentido, co cal este ano decidimos dar un paso adiante e traballar directamente na empregabilidade”, recalcou o presidente da Fundación Mentor. Contan coa vantaxe de que xa son moitas as empresas adscritas á fundación que están apoiando este proxecto, co cal “convertémonos nun elemento clave para exercer de vínculo entre a formación e a empregabilidade”. Nesta liña, desde a fundación destacaron que Fundamental nace con vocación internacional e coa clara intención de converterse nunha cita anual.

Segundo o acordo asinado, a UVigo comprométese a difundir internamente toda a información relativa ao foro e a facilitar, na medida posible, o desprazamento do seu estudantado a este evento e, pola súa banda, a Fundación Mentor cederá espazos de balde á UVigo, “lugares que se van aproveitar para seguir potenciando a tripla hélice, é dicir, a unión entre o talento que xurde das nosas aulas, as empresas que aproveitan ese talento e a Universidade, que ten que xogar un papel de unión entre esas dúas realidades”, recalcou Reigosa, quen lembrou que a colaboración coa Fundación Mentor vén de longo e xa se plasmara en novembro de 2020 na sinatura dun acordo  marco de colaboración no que se establecían as bases xerais para o desenvolvemento conxunto de múltiples actividades.

“Estamos moi satisfeitos porque se están desenvolvendo distintas accións que permiten que o noso alumnado teña acceso a información que antes non tiña e a novas experiencias que lle facilitan o contacto co mundo real da empresa”, apuntou Reigosa, quen tamén gabou a formación que desde a Fundación Mentor se lles ofrece as alumnas e alumnos nas denominadas habilidades brandas. “Pola nosa banda o apoio da Universidade de Vigo sempre ten sido fundamental para a fundación”, explicou pola súa banda Andrés Fernández, quen lembrou que o reitor é patrón de honra da fundación “e sempre contamos co seu apoio”.