DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O reitor e o director de Operacións da empresa asinaron este martes un convenio de colaboración

UVigo e Indra crean unha cátedra para promover o desenvolvemento das competencias profesionais do alumnado da EET

“Encaixa moi ben na estratéxica público-privada que vén de Europa”, asegura Reigosa

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Universidade e empresa
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 28/02/2023

Promover o desenvolvemento das competencias profesionais do alumnado; mellorar a capacitación; ampliar ou actualizar os coñecementos, técnicas ou habilidades dos membros da comunidade universitaria para adaptalos ás necesidades da empresa e fomentar vocacións tecnolóxicas nas áreas de coñecemento relacionadas coas actividades da empresa entre o alumnado preuniversitario. Estes son os obxectivos da Cátedra Indra-UVigo en enxeñaría e tecnoloxía que este martes veu a luz, logo de que o reitor de Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, e o director de Operaciones en Transporte y Defensa de Indra, José Ignacio Ulizar, asinasen o convenio de colaboración para a súa creación e regulación.

Indra, empresa líder en España na industria das tecnoloxías da información e das comunicacións, realizará unha achega anual de 20.000 euros para financiar as actividades da cátedra, que ten como liñas estratéxicas a creación dun programa de captación de talento, que teña por finalidade a formación de excelencia do alumnado da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación (EET); o impulso de actividades que permitan a difusión da actividade docente e investigador da Escola; a colaboración en actividades transversais á docencia, nomeadamente no ámbito do Plan de Acción Titorial e do Plan de Mentorización e a promoción da posta en marcha de actividades formativas que teñan por obxecto a capacitación, especialización e actualización de competencias dos membros da comunidade universitaria, atendendo ás necesidades competitivas da empresa e organización de xornadas, conferencias, seminarios e foros.

“Unha cátedra universidade- empresa sempre é unha boa nova, que vai facer mellor, neste caso, o traballo do centro de investigación atlanTTic, porque vai traballar cunha empresa líder do sector”, asegurou o reitor, para quen esta colaboración “encaixa moi ben na nosa estratexia de catro anos que nos vén de Europa, que é a estratéxica público-privada”, explicou Manuel Reigosa. Pola súa banda, José Ignacio Ulizar lembrou que hai 18 meses Indra decidiu mirar á Vigo e a súa Universidade e abrir en Citexvi un centro para a parte de transporte e defensa. “Nós non concibíamos apuntar cara Vigo como un vector de crecemento e non contar con intensidade coa universidade”, dixo o director de Operaciones en Transporte y Defensa de Indra, que considera a cátedra “un xeito de visualizar un futuro xuntos. Fixémolo de xeito consciente, pensando nas liñas de investigación para que non sexa só a sinatura dun convenio sen contido, senón mirando o contido tecnolóxico: radiofrecuencia, deseño de antenas, procesado de sinal, algoritmia ,etc. que para nós como empresa é moi necesario e para vós como universidade supón desenvolvemento tecnolóxico”.

Ensino máis diversificado e orientado ao mercado laboral 

Entre as actividades a desenvolver ao abeiro da Cátedra Indra-UVigo, destacan a colaboración e o apoio ao Plan de Difusión e Captación da EET para a realización de actividades de divulgación científica e tecnolóxica, co obxectivo de fomentar as vocacións científicas e tecnolóxicas entre o alumnado máis novo. A organización da Olimpíada Indra-Teleco, un concurso para o estudantado de ESO, Bacharelato e ciclos formativos de grao superior; a colaboración no plan orientaTE e no programa de mentorización MEET-Teleco; promoción de eventos científicos e tecnolóxico e a realización de proxectos e programas de investigación científicas, desenvolvemento e innovación tecnolóxica, son outras actividades a desenvolver ao abeiro da Cátedra Indra-UVigo.

“A posta en marcha desta cátedra supón para a EET un reto bonito e importante. Supón materializar unha relación con Indra que xa leva un tempo en marcha, a través do vínculo máis importante que se pode levar a cabo cunha empresa e unha institución universitaria, fomentando as actividades do centro, as de investigación nas que ten interese Indra, que reverten sempre na docencia en grao, mestrado e doutoramento e facer que o alumnado que temos no centro poida ter un ensino máis diversificado e máis orientado ao mundo laboral”, asegurou a directora da Escola, Rebeca Díaz, que defendeu a polivalencia das e dos titulados do centro. Pola súa banda, o Head of R&D and Universities de Indra, Jesús Ángel García, lembrou que a empresa leva tempo creando un modelo de relación con universidades, que en lugar de limitarse a actividades en consorcios ou proxectos subvencionados “o que facemos é ir da man das universidades para que nos acompañen a longo prazo nas nosas liñas estratéxicas. Así facemos transferencia tecnolóxica efectiva e tamén retroalimentamos todo o ecosistema research en España. Identificamos as liñas estratéxicas nas que traballar e imos acompañados das universidades máis relevantes”, explicou.