DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Maribel del Pozo e Iago Pozo participan esta semana na feira 'Estudar en España'

A UVigo lánzase en Brasil á captación de alumnado lusófono

Mantiveron varias xuntanzas de traballo con diferentes universidades e institucións brasileiras

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Feiras e exposicións
  • Institucional
DUVI 26/10/2023

A Universidade de Vigo está a participar esta semana en Brasil nunha nova edición da feira Estudar en España co obxectivo de presentar ao alumnado deste país as súas titulacións, tanto de grao como de mestrado, e atraer estudantes internacionais, ao tempo que se traballa para reforzar a colaboración e a presenza da UVigo neste país. 

A vicerreitora de Internacionalización, Maribel del Pozo, e o director da Área de Promoción da Internacionalización, Iago Pozo, foron os encargados de presentar a oferta académica viguesa, sobre todo de mestrado, xa que a maior parte das máis de 1000 persoas inscritas son estudantes de grao que buscan universidades europeas nas que ampliar os seus estudos. Fixérono primeiro en Río de Xaneiro, onte mércores, e continúan hoxe xoves nunha nova sesión da feira, nesta ocasión en Belo Horizonte, capital do Estado de Minas Gerais.

A valoración da vicerreitora ao respecto da participación da UVigo neste tipo de actividades, algo que se vén potenciando ao longo dos últimos anos,  é “moi positiva”, xa que permiten desenvolver os lazos de cooperación cos países lusófonos, un dos eixes básicos establecidos no Plan de Internacionalización da UVigo. Xunto á participación na feira, e aproveitando a súa presenza no Brasil, a delegación viguesa tivo a oportunidade de manter tamén varias xuntanzas de traballo con diferentes universidades e institucións brasileiras, entre elas a Universidade Federal de Río de Janeiro, o Colegio Pedro II e a Fundación Oswaldo Cruz.

Organizada en colaboración co SEPIE, o Servicio Español Para la Internacionalización de la Educación, a feira Estudar en España reuniu nesta ocasión a participación de 11 universidades e institucións, entre elas a propia UVigo, o Instituto Cervantes e as universidades Pompeu Fabra, Politécnica de Catalunya, Granada e Huelva, entre outras.