DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O proxecto Iberos+ busca responder aos desafíos asociados co envellecemento da poboación

A UVigo lidera un consorcio de 14 entidades da eurorrexión para innovar no sector da biofabricación con aplicacións en saúde

150 investigadores integran esta rede de excelencia orientada á enxeñería de órganos e tecidos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Investigación
  • Saúde
  • Investigación
DUVI 29/11/2023

Cun orzamento de preto de 2,2 millóns de euros e co obxectivo de dar resposta aos desafíos sociosanitarios asociados ao envellecemento da poboación na eurorrexión Galicia-norte de Portugal e na Unión Europea en xeral, este mércores presentouse en sociedade o Instituto de Biofabricación en Rede para o Envellecemento Saudable (Iberos+). Este proxecto é un dos tres liderados pola Universidade de Vigo que foron seleccionados na convocatoria do programa POCTEP, iniciativa de cooperación transfronteiriza dentro do Interreg VI España-Portugal.

O Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo acolleu hoxe a xuntanza de lanzamento deste proxecto do que forman parte máis de 150 investigadoras e investigadores dos eidos da biofabricación, a enxeñería de tecidos e a medicina personalizada. En total, o consorcio está integrado por 14 entidades público-privadas da eurorrexión (cinco universidades, cinco centros de investigación e catro empresas) unidas co obxectivo de innovar no sector da biofabricación con aplicacións en saúde.

A coordinación do proxecto correspóndelle á UVigo e o investigador principal é Pío González, catedrático do Departamento de Física Aplicada, que explica que este novo proxecto representa a evolución natural de Iberos (Instituto de Bioenxeñería en Rede para o Envellecemento Saudable), que sentou as bases desta colaboración científica entre 2017 e 2020. O novo proxecto nace co obxectivo de que os seus socios traballen en rede para consolidar as competencias de I+D+i de excelencia no sector da biofabricación, orientada á enxeñería de órganos e tecidos e á medicina personalizada. O seu fin último é “mellorar a saúde e a calidade de vida da poboación, con especial atención ás enfermidades asociadas ao envellecemento”.

Sinerxías entres o eido investigador e o tecido empresarial

O consorcio de Iberos+ está formado pola Universidade de Vigo, a través do grupo de Novos Materiais do Cintecx e do grupo de Inmunoloxía e Inmunoterapia do Cinbio, xunto coas universidades de Santiago de Compostela e Católica Portuguesa e Minho, coa Fundación Biomédica Galicia Sur, o Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC, o Servizo Galego de Saúde, o Instituto de Investigación e Innovación en Saúde da Universidade do Porto, o Instituto Superior de Enxeñaría do Porto e o Laboratório Ibérico Internacional de Nanotecnoloxía. Unha das principais novidades de Iberos+ respecto do proxecto previo é a incorporación de empresas ao consorcio. Así, dende Galicia únense a BFlow –que desenvolve dispositivos microfluídicos capaces de imitar o comportamento dun órgano no laboratorio–, Arbinova –que, baixo a marca Beta Implants, deseña e fabrica implantes para cirurxía veterinaria– e iBoneLab –especializado en ensaios preclínicos de biomateriais nos tecidos vivos. A empresa portuguesa que se suma ao consorcio é Intelligent Lab on Fiber, que ofrece unha plataforma intelixente para o desenvolvemento de fármacos personalizados.

Todas estas empresas e centros de investigación destacan nos campos que conforman a base científico-tecnolóxica dun campo emerxente e de enorme potencial como é o da biofabricación. En concreto, son referentes en eidos como biomateriais, biosensores, bioimpresión 3D, microfluídica para organ-on-a-chip, técnicas in vitro para o desenvolvemento de tecidos e organoides e plataformas de intelixencia artificial e big data para a diagnose personalizada. As sinerxías que xurdan da posta en común dos coñecementos de todos estes socios, explican dende o consorcio, “contribuirán á creación dun polo europeo á vangarda do coñecemento en saúde e á xeración de novos nichos de mercado grazas a solucións tecnolóxicas innovadoras.

Solucións tecnolóxicas para a saúde do futuro

A estratexia de Iberos+ céntrase en dar resposta aos desafíos sociosanitarios asociados ao envellecemento da poboación na eurorrexión e na UE, pero tamén pon o foco noutros retos importantes como a escaseza de doazóns de órganos e tecidos, o desenvolvemento de fármacos a baixo custo e en tempos reducidos, o compromiso ético de reducir a proba con animais e a necesidade de avanzar no modelo de medicina, utilizando tecidos e organoides biofabricados a partir das propias células do paciente.
 
Estes obxectivos do consorcio tradúcense, como explicaron hoxe os responsables de Iberos+, nunha serie de accións que pasan pola contratación de 13 investigadores e tecnólogos con traxectoria excelente, a publicación de máis de 20 artigos científicos, a solicitude de tres patentes, o establecemento de 40 contactos con empresas do sector e o desenvolvemento de tres contratos de I+D con empresas, ademais dun acordo de licenza. A primeira das medidas que se porá en marcha será a publicación dun libro branco sobre biofabricación e enxeñería de tecidos, no que se analizará a situación actual deste sector e proporcionará datos que orienten a futura toma de decisións sobre cuestións lexislativas, administrativas ou económicas.