DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Celebráronse esta semana en Porto, proclamándose gañadora a universidade anfitrioa

A UVigo obtén a medalla de bronce nos XXXIV Xogos Galaicos Durienses

Coa participación de 30 deportistas olívicos nas catro modalidades

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Deportes
  • Deportes
DUVI 30/11/2023

Este mércores remataba a 34ª edición dos Xogos Galaicos Durienses, que reuniron na cidade de Porto ás tres universidades galegas (Vigo, Santiago de Compostela e A Coruña) e ás tres do norte de Portugal (Trás-os-Montes e Alto Douro, Minho e Porto) e nos que participaron arredor de 200 deportistas.

Finalmente, foi a institución anfitrioa, a Universidade de Porto, a que se alzou coa vitoria, empatada a puntos (18) coa Universidade de Santiago de Compostela, e coa Universidade de Vigo no terceiro chanzo do podio, con 17 puntos, grazas a uns grandes resultados nas catro modalidades deportivas: xadrez, bádminton, tenis de mesa e fútbol 7. 

A expedición da UVigo estivo formada por unha trintena de estudantes, entre os que destacou o equipo de bádminton, que gañou todos os encontros e o equipo de fútbol 7, que se mediu na final desta modalidade á USC. Dende a Área de Benestar, Saúde e Deporte tamén destacan os meritorios papeis do estudantado que competiu en tenis de mesa e, sobre todo, en xadrez, que a pesar de contar cunha baixa logrou bos resultados. As probas se desenvolven todas con equipos mixtos, primando a igualdade entre xéneros e o intercambio cultural sobre a propia competición.