DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun especial de Onda Cero retransmitido desde o campus para todo o sur de Galicia

“UVigo en la Onda” achega a realidade da radio en directo aos alumnos da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación

No programa contouse coa participación do decano, o vicedecano, docentes e alumnos do centro

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Ana Terceiro DUVI 26/05/2008

As aulas da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación foron nesta ocasión o escenario dunha clase práctica dirixida por profesionais da radio que se achegaron ata o centro para retransmitir en directo un especial do programa UVigo en la onda, que todos os luns emite a emisora Onda Cero. Da man da locutora Raquel Sánchez, creouse unha xornada de portas abertas na que os asistentes participaron nun coloquio no que se abordaron temas como os retos da entidade e os servizos que ofrece, ademais de coñecer a opinión que teñen os alumnos das tres titulacións que nela se imparten.
A actividade, coordinada pola profesora da materia Teoría e técnica da comunicación radiofónica, Aurora García, tiña como obxectivo “achegar a realidade do mundo das ondas aos estudantes e sobretodo do directo, para que coñezan e poidan ver en persoa como traballan os profesionais”, comentou a organizadora momentos antes da retransmisión.
Ao longo do programa, contouse coa intervención do decano do centro, Alberto Pena, quen salientou que "a vida universitaria debe ser moi interactiva e non soamente é o que se fai dentro das aulas”. Por outra banda, ante a grata sorpresa dos profesionais pola calidade e a cantidade dos equipos audiovisuais cos que se conta na facultade, o seu responsable comentou que “trátase dun material que se foi mercando pouco a pouco, coa axuda de institucións e con moito traballo”, ao que engadiu que “de todos xeitos o máis importante é a calidade do profesorado e do alumnado, que desenvolven unha formación axeitada na que o equipamento é sinxelamente un apoio”, apuntou Alberto Pena para abrir o debate.
Ademais, representantes de alumnos das tres titulacións que se imparten no centro tamén tiveron o seu espazo no coloquio e non perderon a ocasión para agradecer o cordial trato que constantemente reciben por parte do profesorado, así como a accesibilidade da que dispoñen respecto ao material audiovisual.

Unha facultade cada vez máis multicultural

No especial UVigo en la Onda, que foi emitido para todo o sur de Galicia, tamén colaborou o vicedecano de Alumnado, Juan Manuel Corbacho, quen explicou a súa función e as súas experiencias como asesor dos erasmus que chegan á facultade. "Actualmente no centro existen arredor de 50 estudantes procedentes de outros países que, tras a boa acollida que reciben en Pontevedra, deciden quedarse e prolongar os seus estudos na Universidade", comentou Corbacho. Ese é o caso de Nesa, unha alunma orixinaria de Eslovenia que cursa materias de Publicidade e Relacións Públicas no centro e que manifestou no programa a súa intención de quedarse na cidade.
Cada ano a cifra de estudantes estranxeiros aumenta, de xeito que a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación estase a converter nun destino de interese real para rapaces de toda Europa, algo extraordinario para o centro, pois como afirma Juan Manuel Corbacho, “eles son os nosos mellores embaixadores”.