DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Estase a celebrar en Málaga esta semana

A UVigo participa no Foro Transfiere, o principal encontro de I+D+i no sur de Europa

O obxectivo é compartir coñecemento, promover a innovación e conectar ciencia e empresa

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Divulgación
  • Investigación
M. Del Río DUVI 17/02/2022

A Universidade de Vigo, xunto co resto do tecido científico e investigador galego, está a participar esta semana en Málaga no Foro Transfiere 2022, o principal encontro de I+D+i no sur de Europa. A institución académica viguesa está presente neste evento nun espazo conxunto coordinado pola Axencia Galega de Innovación para todos os axentes do sistema galego de I+D+i e tamén participa en xornadas e conferencias relacionadas co mundo da innovación e a transferencia.

No evento, que arrancou onte mércores, están presentes Alberto Rellán e Luz Eva Fernández Fernández, técnicos da Oficina de I+D da Universidade e, en representación da Vicerreitoría de Investigación, Daniel Villanueva, director do Vigo Tecnolóxico.

Visibilizar de forma conxunta a I+D galega

Como explica Alberto Rellán, este é “un evento que serve de escaparate aos resultados e tecnoloxías desenvolvidas polos organismos de investigación nacionais co propósito de transferilos, estean protexidas ou non, á comunidade, principalmente ao sector industrial e empresarial”. Por este motivo, a Xunta de Galicia apostou por aglutinar nun único posto a I+D feita en Galicia e así visibilizala de forma conxunta da man de GAIN. Ademais, súmanse á delegación galega, startups incubadas ou aceleradas ao amparo das business factories e o fondo Ignicia proba de concepto para participar activamente nas mesas de networking.

A oferta da UVigo

A oferta científico técnica da UVigo exponse a través dunha plataforma de Networking, pero, os dous técnicos da UVigo tamén atenden aos visitantes deste posto conxunto no que ofrecen “fichas de cada unha das tecnoloxías e explicamos a súa aplicabilidade”. Ademais, de xeito paralelo á feira estanse a desenvolver xornadas e conferencias relacionadas co mundo da innovación e a transferencia. Entre os participantes nestas actividades está Antón Vázquez, co-fundador da spin-off da UVigo Alén Space, que este xoves formou parte dunha mesa redonda sobre o papel e os retos da academia na transferencia do coñecemento, no que presentou o proxecto vigués como caso de éxito na transferencia de coñecemento dende as universidades.

Tamén esta mañá, Salvador Coll, vicerreitor de Innovación e Transferencia da Universitat Politècnica de València e presidente da RedOTRI realizou unha presentación dos diferentes modelos de colaboración de innovación aberta. Entre as iniciativas presentadas como exemplo, Coll elixiu o proxecto Surfacorn, da Universidade de Vigo, seleccionado dentro da convocatoria Ignicia 2022. O obxectivo desta investigación, liderada polo grupo de Ingeniería Química-10, é levar ao mercado dous extractos biosurfactantes extraídos dos licores de lavado de millo para o seu uso na industria cosmética, farmacéutica e/ou agroquímica. Unha das principais vantaxes deste proxecto é o emprego de deterxentes naturais (denominados biosurfactantes), moito menos irritantes e tóxicos ca os químicos e moito máis biocompatibles.

30.000 asistentes en dez anos

Esta é a décimo segunda edición deste foro internacional, e nel participan máis de 370 expertos e expertas, 600 empresas e entidades representadas e profesionais de 45 países. Todo isto arredor dun programa con máis de 130 actividades e conferencias.

Nas dez edicións anteriores, o foro reuniu máis de 30.000 profesionais, co obxectivo de poñer en común as principais iniciativas e estratexias de transferencia de coñecemento e investigación a nivel internacional, permitindo que os axentes do ecosistema de innovación establecesen contacto con potenciais socios, alianzas e sinerxías, así como dar a coñecer novos produtos, servizos e proxectos disruptivos.