DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Celébrase ata este venres en Málaga

A UVigo participa no Foro Transfiere, o principal encontro de I+D+i do sur de Europa

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Investigación
M. Del Río DUVI 16/02/2023

Transfiere, o foro europeo para a ciencia, a tecnoloxía e a innovación é o principal encontro de I+D+i do sur de Europa e estase a celebrar esta semana na cidade de Málaga, coa participación de 500 empresas, entidades e institucións tractoras do desenvolvemento científico e tecnolóxico, entre elas a Universidade de Vigo. Como parte da delegación galega liderada pola Axencia Galega de Innovación, a UVigo está presente cun stand na feira no que están representados os principais axentes do sistema de innovación de Galicia: universidades, centros tecnolóxicos, fundacións biomédicas, clústers, etc.

Esta cita internacional arrancou onte mércores e, ao longo dos tres día de duración, busca  compartir coñecemento científico e tecnolóxico, promover a innovación e conectar ciencia e empresa. Trátase dun foro profesional e multisectorial clave para a transferencia de coñecemento, a mellora da competitividade no sector empresarial e a xeración de oportunidades de negocio e redes de traballo e para atopar novos socios, establecer alianzas estratéxicas e sinerxías, así como para dar a coñecer novos produtos, servizos e proxectos innovadores.

A Universidade de Vigo está representada por unha delegación da Oficina de I+D, composta pola súa directora, Ángeles López, xunto cos técnicos superiores Cristina López e Jose Jato. A presenza da UVigo, ao igual que en anos anteriores, busca “dar a coñecer a oferta de capacidades e os resultados de investigación desenvolvidos na nosa universidade nos diferentes ámbitos de coñecemento”, como explican dende Oficina de I+D. Ademais, están previstas un bo número de reunións con empresas e centros de investigación para explorar posibles colaboracións en transferencia de coñecemento.

Xornadas Técnicas de RedOTRI

No marco de Transfiere 2023 celébrase tamén as Xornadas Técnicas de RedOTRI, punto de encontro dos profesionais da transferencia de coñecemento en España, nas que se abordarán temas de interese para as OTRIs e os seus técnicos, como casos de éxito, o impacto que teñen as spin-off na evolución do modelo de transferencia das universidades, a profesionalización da carreira do persoal técnico das OTRIs ou o emprendemento con perspectiva de xénero. Ademais, os participantes tamén poderán asistir ás sesións dos grupos de traballo da rede, centradas en temas específicos.

80 paneis temáticos

O programa de actividades do Foro Transfiere para estes tres días organízase arredor de 80 paneis temáticos. O obxectivo é artellar o ecosistema de innovación nacional coa implicación dunha decena de comunidades autónomas, entre as que está Galicia, e abordar temas como os proxectos estratéxicos para a recuperación e transformación económica (PERTE), o hidróxeno verde ou as alternativas de financiamento orientadas á creación de empresas de base tecnolóxica a través das convocatorias de Neotec.

Ademais, o foro ten como países convidados nesta edición a Finlandia e Suecia, dous referentes mundiais en materia de I+D+i, que acoden á cita cunha ampla representación institucional e empresarial de todo o ecosistema innovador nórdico.