DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Como socia de ATHENA e da man da vicerreitora de Internacionalización, Maribel del Pozo

A UVigo participa no II Foro de Universidades para el Futuro de Europa

Existen 50 alianzas europeas que implican a 430 institucións de educación superior de 35 países

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Internacional
  • Institucional
DUVI 14/09/2023

A cidade de Barcelona acolle entre hoxe e mañá venres o II Foro de Universidades para el Futuro de Europa organizado polo Ministerio, no que se citan representantes das alianzas creadas ao abeiro da iniciativa Universidades Europeas da Comisión Europea. 

A UVigo, como socia da universidade europea ATHENA, participa esta xuntanza representada pola vicerreitora de Internacionalización, Maribel del Pozo. Esta segunda edición do foro celébrase baixo a presidencia española da UE e pretende contribuír a crear a un foro de debate sobre os temas máis relevantes para este tipo de consorcios, entre outros aspectos, o estatuto legal das alianzas e o European Degree label, contidos sobre os que a Comisión publicou recentemente unha convocatoria para facer probas piloto durante o ano 2023. As universidades tamén analizarán a dimensión exterior das alianzas, así como temas propostos polas asociacións de estudantes. 

No acto de apertura desta mañá participaron Joan Subirats, ministro de Universidades; Margaritis Schinas, vicepresidente da Comisión Europea;  Jaume Collboni, alcalde de Barcelona e Joaquim Nadal, xefe do Departamento de Investigación e Universidades da Generalitat de Catalunya. Como destacaba González na súa intervención, tras a primeira edición en 2022 en Versalles baixo a presidencia francesa da UE, esta nova cita permitirá xerar “un espazo de diálogo e intercambio de ideas" para abordar os temas máis importantes que afectan actualmente ás alianzas europeas. O subsecretario destacou a grande acollida da xuntanza, con máis de 400 participantes, de todos os países da UE, en representación das 50 alianzas que existen, de 26 asociacións de estudantes, 20 axencias de calidade, etc. 

O ministro, pola súa banda, puxo o foco na importancia da iniciativa de alianzas europeas, porque “sigue os pasos dunha das propostas máis eficientes e con máis éxito que tivo na construción da UE, que é o programa Erasmus”. O obxectivo destes consorcios é “transformar e reforzar a unión das universidades, a unión do coñecemento e o talento e proxectalo cara o mundo”, pero enfróntase a retos derivados do feito de que as competencias educativas non son da UE e cada universidade responde a criterios normativos distintos”.

Margaritis Schinas, vicepresidente da Comisión Europea, tamén se referiu ás universidades europeas como un “proceso de transformación da educación superior, o que queremos é construír a través destas alianzas un espazo común para a educación superior en Europa, baseado na converxencia dos currículos, na mobilidade, o entendemento, o espírito europeo, etc.”.

Como explica a vicerreitora de Internacionalización da UVigo, nesta primeira xornada estanse a producir interesantes debates con representantes do Goberno e outras alianzas “sobre o camiño a seguir, sobre a relevancia social destes consorcios, sobre a xestión conxunta da calidade, a sustentabilidade financeira e a implicación dos axentes rexionais e locais”.

50 alianzas creadas con 430 institucións implicadas

Dende o seu lanzamento en 2017, a Iniciativa de Universidades Europeas permitiu a creación de 50 alianzas, da que forman parte 430 institucións de educación superior de 35 países así como unhas 1700 institucións asociadas. O obxectivo é que estas cifras se incrementen a mediados de 2024 a 60 alianzas que reúnan 500 universidades. A finalidade de establecer alianzas estratéxicas a longo prazo entre universidades europeas é promover a identidade e os valores de Europa, fomentar a excelencia e potenciar a transformación. Para estes consorcios, heteroxéneos na súa estrutura e no seu contido, é de especial relevancia celebrar encontros coma este que poñan en contacto as alianzas con representantes da Comisión Europea, os Estados Membros, o estudantado e outros colectivos interesados.