DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A iniciativa conta con socios de oito países

A UVigo participa nun proxecto europeo de mellora da sostibilidade e resiliencia das redes de transporte e loxística da UE

Proporá metodoloxías e ferramentas para afrontar eventos disruptivos, como incendios ou ciberataques

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Internacional
  • Investigación
  • Investigación
DUVI Ourense 25/10/2023

Eventos como a pandemia da covid-19 e a guerra de Ucraína teñen posto o foco na vulnerabilidade da rede de subministros ante eventos “imprevistos” e nas súas consecuencias socioeconómicas. Neste contexto, socios de oito países, entre eles a Universidade de Vigo, puxeron en marcha recentemente o proxecto europeo SARIL, que ten como obxectivo mellorar a sostibilidade e a resiliencia das redes de infraestruturas e loxística da UE.

SARIL (Sustainablity and resilience for infrastructure and logistics networks) arrancou en xuño deste ano e continuará ata xuño de 2026. Conta cun orzamento total de arredor de catro millóns de euros, dos que 282.000 corresponden á Universidade de Vigo. Está financiado polo programa Horizonte Europa, concretamente pola convocatoria Novos conceptos e enfoques para redes de loxística e transporte de carga resilientes fronte a eventos disruptivos, incluídas pandemias (Horizon-CL5-2022-D6-02-07). O equipo da UVigo participante está encabezado por Higinio González e formado por Raquel Ortega e Gonzalo Durán, membros da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e do Instituto de Física e Ciencias Aeroespaciais (IFCAE) da Universidade de Vigo. Ademais da UVigo participan a Autoridade Portuaria de Vigo e CEMOSA, de España; Fraunhofer Gesellschaft EMI (líder), de Alemaña; Politecnico de Milano, Rina Consulting SPA e Agenzia Interregionale per il fiume Po, de Italia; Marlo AS e Sintef AS, de Noruega; Gebüder Weiss GmbH, de Austria; Universidade de Minho e Rangel Invest SA, de Portugal; Alliance for Logistics Innovation through Collaboration in Europe, de Bélxica, e Siec Badawcza Lukasiewicz-Poznanski Instytut Technologiczny e CSL Sp. z o.o., de Polonia.

Segundo explican desde a organización do proxecto, en todo o mundo o transporte de mercadorías e a loxística viuse baixo presión nos últimos anos. “A pandemia da covid-19, o bloqueo da canle de Suez en 2021 e, máis recentemente, a guerra en Ucraína, provocaron perturbacións sen precedentes nas redes loxísticas internacionais. Ademais, os fenómenos meteorolóxicos extremos, como inundacións e incendios forestais, tamén causan importantes perturbacións no transporte e agárdase que aumenten en frecuencia no futuro debido ao cambio climático”, sinalan. As cadeas de subministración modernas globalizadas e "xusto a tempo", comenta o equipo investigador, son particularmente vulnerables a estas interrupcións das redes de transporte, o que pode provocar obstrucións en cascada e atrasos nas entregas de bens críticos, como medicamentos, alimentos, etc.

Do estudo de casos ao desenvolvemento de metodoloxías e ferramentas

Neste contexto, o obxectivo do proxecto SARIL é desenvolver un enfoque holístico que permita respostas eficientes e sostibles a eventos disruptivos na rede de transporte de mercadorías. O seu punto de partida é investigar, en estreita colaboración coas partes interesadas ao longo de todo o proxecto, tres escenarios concretos supostos en diferentes áreas xeográficas e dimensións: un escenario rexional, relacionado con perturbacións locais como inundacións e eventos similares que afectan á rede de transporte e os efectos en cascada inducidos por un ciberataque simultáneo; un escenario estatal, relacionado coa interrupción do transporte de carga debido a eventos climáticos extremos como incendios forestais, e un escenario a escala europea, en relación a perturbacións no transporte de mercancías marítimo e terrestre na UE causadas por acontecementos globais como una pandemia, unha guerra en países veciños e outros acontecementos que teñen consecuencias a largo prazo.

Concretamente, o equipo da UVigo participante centrarase no traballo con algoritmos xeoespaciais para predicir perturbacións inducidas por eventos climáticos extremos. “Actualmente existe unha gran cantidade de información xeoespacial que proporciona datos interesantes que poden ser útiles para modelar redes de transporte e estimar como poden verse afectadas por perturbacións climáticas. Estes datos proveñen principalmente de satélites de observación ou de sensores in situ, sendo quizais as máis coñecidas as redes de estacións meteorolóxicas”, apuntan. A xestión destes datos combinada con algoritmos de xestión forestal e predición meteorolóxica/climatolóxica será, segundo indica o equipo investigador, de grande interese para analizar no futuro como un evento climático extremo (como unha onda de calor que provoca un incendio forestal debido á seca e ao mal manexo da vexetación) pode influír na rede loxística e contribuír a acelerar a recuperación.

No seu conxunto, o proxecto, indican os seus promotores, dará como resultado metodoloxías e ferramentas de xestión loxística verde e resiliente, validadas en contornas reais, que poderán utilizar as partes interesadas e os formuladores de políticas para responder a eventos disruptivos, maximizando a resiliencia, a eficiencia e a sostibilidade da rede de transporte de carga. Así, resumen, SARIL “desenvolverá ferramentas e metodoloxías que permitirán avaliar a resistencia das redes loxísticas e proporcionarán información sobre as incidencias e estado das infraestruturas, entre outros aspectos”.