Seleccionado na convocatoria H2020, participan investigadores da EE Forestal e do grupo Rede
A UVigo participa nun proxecto europeo que analizará a resiliencia do sector forestal ante o cambio climático
Estudarán os seus posibles efectos na cadea de valor do piñeiro en Galicia e norte de Portugal
“O cambio climático constitúe un gran desafío para os bosques europeos, demostrado polos recentes eventos extremos e perturbacións forestais, dunha intensidade sen precedentes”. Este feito, como explica o director da Escola de Enxeñaría Forestal, Juan Picos, constitúe o punto de partida de Resonate (Resilient forest value chains – enhancing resilience through natural and socio-economic responses), un proxecto de investigación seleccionado na convocatoria europea Horizonte 2020, no que participan 20 institucións e organismos de doce países, entre os que se atopa a Universidade de Vigo. Coordinado polo European Forest Institute (EFI), este proxecto ten como obxectivo orientar a toma de decisións para mellorar a resiliencia dos bosques e das cadeas de valor forestais ante os desafíos e ameazas derivados do cambio climático. Cun orzamento de cinco millóns de euros e unha duración de catro anos, a institución viguesa está representada neste proxecto por investigadores da EE Forestal e do grupo Rede, da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, que ademais de participar nos diferentes grupos de traballo, responsabilizaranse dun dos casos de estudo inseridos nesta investigación, centrado na cadea de valor asociada ao piñeiro en Galicia e no norte de Portugal.
A través dunha avaliación integrada de resiliencia e vulnerabilidade, o proxecto Resonate, que este martes e mércores desenvolve de xeito virtual a súa reunión de lanzamento, analizará os efectos de múltiples factores en diferentes tipos de bosques e sistemas de xestión en toda Europa, co obxectivo final de definir unha serie de estratexias de resposta que permitan mellorar a súa resistencia e capacidade de adaptación futuras. Articulado en catro paquetes de traballo, o proxecto abrangue nese senso unha análise tanto desde "a perspectiva forestal como industrial e económica”, como explica Picos, que coordina a participación da UVigo nesta investigación. A ese obxectivo, o grupo Rede, que forma parte de Ecobas, achegará “o punto de vista e experiencia na análise de cadeas de valor e no deseño de métricas de resiliencia. "O proxecto Resonate é unha moi boa oportunidade para entender mellor os efectos do cambio climático sobre as cadeas de valor da madeira en distintas rexións europeas e intercambiar experiencias e boas prácticas que permitan mellorar a súa resiliencia”, salienta a profesora Pilar Piñeiro, que encabeza o equipo de participantes de Rede neste proxecto, que contará co apoio do investigador Antonio Sartal e do equipo de transferencia do grupo. No caso da EE Forestal, investigadores e investigadoras do centro colaborarán, baixo a coordinación de Juan Picos, na “identificación de zonas críticas fronte a perturbacións a escala continental” e examinarán “o potencial dos sistemas de xestión actuais para mellorar a resiliencia dos bosques ao cambio climático e as demandas sociais cambiantes, a través de procesos naturais e a través dunha xestión adaptativa en toda Europa”.
O caso de Galicia-norte de Portugal
Ademais de participar nas distintas fases do traballo común, a Universidade de Vigo é unha das dúas entidades coordinadoras de oito dos “casos rexionais de estudo” e responsable dun noveno, centrado na cadea de valor da madeira de piñeiro no noroeste ibérico. Como explica Picos, trátase dunha serie de “casos transversais”, que engloban ás diferentes liñas de análise no estudo dun espazo xeográfico concreto, o que implica diferentes tipos de plantacións e “distintos tipos de riscos”. No caso de Galicia e norte de Portugal, “un mercado relativamente común”, a investigación centrarase na “cadea de valor máis longa” desta área e na que se insiren industrias como as do taboleiro e mobiliario, serradoiros ou fabricantes de pellets.
O obxectivo, explica Picos, é coñecer se “ese sistema está preparado para resistir eventos futuros derivados do cambio climático, que afectan á súa produtividade, ao risco de lumes ou de pragas, pero que tamén poden implicar problemas nas cadeas loxísticas ou na seguridade de plantas industriais”. Neste punto, lembra que as estimacións da Plataforma Tecnolóxica Forestal Europea apuntan que en 2040 a construción con base biolóxica terá triplicado a súa cota de mercado e duplicado o valor engadido bruto das industrias da carpintería. “Para que esta oportunidade poida ser aproveitada", sinala, "resulta imprescindible o mantemento e a mellora da superficie” dedicada ás plantacións de Pinus pinaster e Pinus radiata, “especies responsables da maior parte da produción de coníferas en España” e máis concretamente da referida a silvicultores privados.
Así, neste caso de estudo, o grupo Rede porá o foco nas cadeas de valor e no deseño de “métricas de resiliencia” que permitan estudar como as alteracións provocadas polo cambio climático, tanto actuais como previstas, poden afectar ao sector forestal en Galicia e no norte de Portugal, traballos que levará a cabo a través da combinación dunha análise cuantitativa e de “metodoloxías participativas” que permitan incorporar as percepcións dos principais axentes e organizacións involucradas. “O enfoque da cadea de valor vai permitir levar a cabo unha análise global que inclúa todos os actores implicados, desde os produtores ao cliente final”, salientan desde este grupo de investigación. Por outra banda, desde a EE Forestal levarase a cabo unha análise dos modelos silvícolas aplicados na área de estudo e dos potenciais impactos que poden xerar no futuro “perturbacións” como lumes, pragas ou cambios socioeconómicos, “especialmente no referido á fragmentación da propiedade”, explica Picos.
“Catro desafíos” aos que facer fronte
Como sinalan os responsables do proxecto, os “impactos adversos sobre a estabilidade e a capacidade de produción dos bosques europeos” que está a producir o cambio climático fan precisos “máis esforzos na prevención” e na resiliencia dos bosques e das súas “cadeas de valor asociadas”. Neste punto, Resonate pon o foco, como explica Picos, en que os propietarios forestais precisan dunha “mellor orientación” para adaptar a xestión dos bosques ás diferentes “perturbacións”, mentres que o sector requirirá dunha “capacidade de innovación substancial para responder aos cambios de rendibilidades, os fluxos de madeira impredicibles e un cambio gradual nas especies de árbores”. Neste escenario, esta investigación ten como obxectivo dar resposta a “catro desafíos de resiliencia”, o cambio na “idoneidade das especies arbóreas” derivado do cambio climático, os maiores riscos de “perturbacións forestais”, unha “demanda social cambiante” de produtos deste sector e de servizos dos ecosistemas e a diminución de biodiversidade.
Coordinado polo EFI, en Resonate participan, ademais de Vigo, as universidades de Graz, Helsinki, Bournemouth, Copenhague, Friburgo, Técnica de Munich, a Universidade de Agronomía de Viena e Czech University of Life Sciences. Tamén son socios do proxecto o Centro de Investigación Ecolóxica e Aplicacións Forestais de Cataluña (Creaf), a Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), o Wageningen Environmental Research holandés, o Instituto Nacional para a Investigación Agronómica francés, o Instituto de Investigación Forestal de Croacia, a Agriculture and Food Development Authority irlandesa, o Instituto de Recursos Naturais de Finlandia, InnovaWood e o Prospex Institute de Bélxica e a empresa austríaca Papierholz.