DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Post-Growth Innovation Lab é un dos socios de Serigo, financiado polo programa Horizonte Europa

A UVigo participa nun proxecto internacional dirixido a mellorar a inclusión social na Europa rural

Centrado na economía social e solidaria, reúne participantes de once países

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Internacional
  • Investigación
  • Investigación
DUVI Pontevedra 29/01/2024

Xerar coñecemento, tanto teórico como práctico, respecto de como a economía social e solidaria pode contribuír á mellora da inclusión social, da calidade de vida e da accesibilidade aos servizos nas zonas rurais. Ese é o obxectivo central do proxecto europeo Serigo (Social Economy for Resilience: Inclussion in Good Life in Rural Areas), no que participa o grupo de investigación Post-Growth Innovation Lab da Universidade de Vigo. Financiado polo programa comunitario Horizonte Europa con preto de cinco millóns de euros e liderado pola Universidade de Finlandia Oriental, en Serigo participan 17 universidades e entidades de once países, sendo a UVigo a única representante española.

A través dunha metodoloxía que “combina a investigación, revisión e análise de políticas” co traballo de campo, o proxecto busca “identificar e analizar” os causantes desa exclusión social en diferentes contornas rurais, así como definir recomendacións e medidas orientadas á implantación de políticas que poidan “mellorar a inclusión de diversos grupos vulnerables”, como sinalan os seus responsables. Con ese propósito, engloba accións como máis dunha vintena de casos de estudo en diferentes partes de Europa, como os que o Post-Growth Innovation Lab, con sede no campus de Pontevedra, centrará nas comunidades de montes en Galicia e na asistencia á poboación migrante nas Canarias.

Diferentes vulnerabilidades poden levar á exclusión

Xunto ao Karelian Institute da University of Eastern Finland e á UVigo, no proxecto participan as universidades de Ciencias Aplicadas de Carintia (Austria), Wageningen (Países Baixos), Galway (Irlanda), Eskisehir Osmangazi (Turquía), Tallín (Estonia) e Comenius de Bratislava (Eslovaquia), o centro de investigación italiano Eurac Research e os austríacos Federal Institute of Agricultural Ecologics, Rural and Mountain Research e Centre for Social Innovation ZSI. O proxecto, que se estenderá ata 2027, ten tamén como socios a administracións, asociacións e organizacións non gobernamentais de diferentes países e porá o foco en “diversos tipos de vulnerabilidades” que poden ser tanto causa como consecuencia de exclusión social. Nese senso, unha das accións previstas será o “mapeamento das vulnerabilidades rurais europeas”, que poden abranguer desde factores de xénero, idade ou país de orixe ata dificultades para acceder ao mercado laboral ou a servizos de interese xeral. O obxectivo deste traballo, como explica Mario Pansera, coordinador do Post-Growth Innovation Lab, é “facer unha comparación entre cales son os problemas que pode ter a poboación no rural” en múltiples puntos de Europa, coa idea de “intentar atopar patróns parecidos, a pesar de que a estrutura social ou familiar poida ser completamente diferente”. 

Cun financiamento asignado á UVigo de preto de 236.000 euros, Serigo permite tamén “conectar a contorna onde traballamos e vivimos co contexto europeo”, como subliña Pansera, pondo o foco na economía social e solidaria. “É o que debería ser sempre a economía, a organización das actividades produtivas para responder as necesidades humanas”, subliña este investigador, que explica que baixo este concepto englóbanse “todas as actividades que non están contempladas na actividade económica convencional, por non ter marxes de beneficio o suficientemente atractivas”. 

Casos de estudo en Galicia e Canarias

Dentro dos diferentes traballos, figuran 22 casos de estudo en 13 países, cos que analizar unha diversidade de territorios, causas de vulnerabilidade e tipos de intervención. Unha academia comunitaria sénior en Estonia, accións dirixidas a facilitar o acceso á vivenda da poboación migrante en Italia, alternativas educacionais para ninis en Austria ou iniciativas de apoderamento das mulleres rurais de Turquía forman parte desa serie de casos de estudo, aos que se suman os que os investigadores do campus desenvolverán en Galicia e Canarias. 

Por unha banda, o Post-Growth Innovation Lab realizará un traballo centrado nas comunidades de montes, ás que poden asociarse nalgúns casos “distintas capas de vulnerabilidade”, apunta Pansera, como “o abandono do rural, estar suxeitas á especulación dos macroeólicos, o lume” ou o envecellemento da poboación. “O que queremos facer é buscar boas prácticas que xa están en marcha e que poderían reducir estes distintos niveis de vulnerabilidade”, sinala. Outro dos casos estará vinculado ao traballo do movemento social de apoio aos migrantes Somos Red, nas Canarias, onde tamén se levará a cabo un terceiro estudo centrado no programa Ecocomedores, que promove unha nutrición ecolóxica, saudable e baseada nos produtos de proximidade.

Ademais, desenvolveranse tamén cinco proxectos piloto en Finlandia, Estonia, Austria, Eslovenia e Eslovaquia, dirixidos a aplicar os coñecementos xerados “a contextos rurais específicos”, partindo das necesidades detectadas e as propostas impulsadas por axentes da contorna. Trátase, como sinala Pansera, de impulsar “solucións concretas”, de tal xeito que o traballo “non sexa simplemente unha análise, senón que haxa tamén unha parte de aplicación práctica”.