DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Declaración de Dereitos do río Tins discutirase nunha asemblea pública o 15 de decembro

A UVigo participa nun proxecto que converterá o concello de Outes no primeiro do Estado en recoñecer os dereitos dun río

Coa implicación do grupo de investigación de Agrobioloxía Ambiental: Calidade, Solos e Plantas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Investigación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI 28/11/2023

O río Tins, no concello de Outes, será o primeiro do Estado ao que se lle recoñezan os seus dereitos como elemento natural. Este fito enmárcase dentro da iniciativa ReNatur Outes, un ambicioso proxecto de recuperación, renaturalización e integración do Tins ao seu paso polo núcleo urbano deste concello coruñés. Subvencionado cun millón de euros pola Fundación Biodiversidad do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia -fondos Next Generation-, no  proxecto participan as tres universidades públicas galegas, o Centro de Estudos Eurorrexionais de Galicia e norte de Portugal, CEER (Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia- Norte de Portugal), o Concello de Outes, que lidera o proxecto, e a Fundación Montescola. 

Tras un ano de traballo, os socios reuniranse o vindeiro 15 de decembro para debater a Declaración de Dereitos do río Tins nun evento aberto ao público para darlle voz á veciñanza e ao tecido asociativo local, converténdoo en parceiro das estratexias de conservación e mellora do espazo fluvial. Esta será a primeira vez que desde un concello se recoñezan os dereitos dun elemento natural, dotándoo dunha carta na que se recoñecen desde o dereito a non ser contaminado ou danado por actividades humanas ata o dereito á protección e conservación. A proposta de declaración tamén recolle os compromisos da veciñanza das ribeiras do Tins así como das súas institucións, incluíndo os de actuar en caso de calquera violación dos dereitos do río e a participar na súa conservación e mellora.

Participación da UVigo na renaturalización do río Tins

A participación da Universidade de Vigo no proxecto Renatur_Outes artéllase a través do grupo de investigación de Agrobioloxía Ambiental: Calidade, Solos e Plantas, ao que pertence o catedrático Luís González. O obxectivo do consorcio é renaturalizar e recuperar para a cidadanía o tramo fluvial urbano do río Tines ao seu paso polo Concello de Outes, prolongando o bosque de ribeira, actualmente escaso neste tramo. Os principais problemas que afectan a esta ecosistema son as infraestruturas construídas de forma pouco harmónica co medio, as barreiras transversais que impiden o continuo fluvial, a acumulación de residuos urbanos na bacía do río, a presenza de especies invasoras e a existencia de espazos de reducida biodiversidade, produto de actuacións anteriores. Para facer fronte a todos estes retos, os socios do proxecto marcáronse como principais obxectivos a recuperación do bosque de ribeira, o control de especies exóticas invasoras, como as distintas especies de acacia (Acacia dealbata e Acacia melanoxylon), a Tradescantia fluminensis ou as plantas do xénero Crocosmia, a limpeza de residuos da contorna fluvial, e a sensibilización medioambiental, isto último mediante accións de voluntariado, formativas e divulgativas, fomentando a participación pública da cidadanía de Outes ao longo de toda a vida do proxecto mediante a celebración de sesións de gobernanza. Desde xeito non só se pretende alcanzar unha recuperación e mellora da biodiversidade, senón tamén xerar un compromiso social máis alá da propia vida do proxecto para manter vivo o seu legado

O foro, un lugar de debate

O Foro do río Tins, que se celebrará o día 15 no Centro Social da Serra de Outes a partir das 17.00 horas, comezará cunha introdución, na que o equipo de proxecto fará un repaso dos eixos principais desta iniciativa de renaturalización fluvial desenvolvidas ata o momento. A continuación celebrarase unha sesión de gobernanza co obxectivo de consensuar coas persoas participantes unha proposta de Declaración de Dereitos do río Tins e compromisos da veciñanza ribeirá. Tamén se dará conta das achegas realizadas nas semanas previas pola comunidade educativa, colectivos locais e persoas a título individual, unha vez que a proposta de declaración está aberta a comentarios tanto desde a web do proxecto como fisicamente na Casa do Concello. 

30 países que recoñecen os dereitos dos espazos naturais

A Declaración de Dereitos do río Tins encádrase nas experiencias internacionais de recoñecemento dos dereitos da natureza, estabelecendo dereitos intrínsecos asociados a diversos ecosistemas. Xa son máis de 30 os países nos que se adoptaran instrumentos lexislativos para o seu recoñecemento, en moitos casos referidos a determinados cursos fluviais como o río Whanganui en Nova Zelandia, o río Ganxes na India, o río Buriganga en Bangladesh ou o río Atrato en Colombia. O Tins será o primeiro río de todo o Estado ao que se lle recoñecen os seus dereitos, logo de que en 2022 se recoñecese a lagoa do Mar Menor como un ecosistema suxeito de dereitos.