DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os seus socios reúnense esta semana no campus de Ourense

A UVigo participa no proxecto europeo Globdives sobre habilidades de xestión da diversidade na educación superior

Na iniciativa están implicadas tamén universidades de Lituania, Romanía, Finlandia e Alemaña

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Diversidade
  • Estudantado
  • Internacional
  • Investigación
  • Investigación
DUVI Ourense 03/10/2023

Os membros do proxecto europeo KA2 Global Citizenship and Diversity Management Skills in Higher Education (Globdives), entre eles a Universidade de Vigo, reúnense esta semana no campus de Ourense para facer balance dos seus avances e para levar a cabo unha das súas liñas de acción, un programa de formación para profesorado. Globdives céntrase no desenvolvemento de habilidades de xestión da cidadanía global e da diversidade na educación superior.

Os socios do proxecto son Kauno Kolegija (Lituania), Universitatea Alexandru Ioan Cuza din Iași (Romanía), Lab-ammattikorkeakoulu Oy (Finlandia) e Hochschule für Technik und Wirtschaft des Saarlandes (Alemaña), contando ademais coa colaboración de empresas e organizacións non gobernamentais. Por parte da UVigo participa o persoal docente e investigador Elena de Prada, Marcos Álvarez, José Luis González Cespón, Margarita Pino, Susana Reboreda e Mercedes Mareque, un equipo, destaca Elena de Prada, multidisciplinar procedente de diversas facultades, como son Relacións Internacionais, Historia e Ciencias Empresariais e Turismo (do campus de Ourense); Ciencias da Educación e do Deporte (do campus de Pontevedra) e a Escola de Enxeñaría Industrial (do campus de Vigo). A iniciativa aborda cuestións de diversidade na contorna académica, relacionadas por exemplo coa etnia, a raza, a nacionalidade, a identidade de xénero e a orientación sexual, tendo como obxectivo promover e mellorar a conciencia sobre a cada vez maior importancia da inclusión e a xestión desta diversidade nas institucións de educación superior.

Marco pedagóxico e formación

O proxecto, financiado a través do programa Erasmus+ KA2 Higher Education Cooperation Partnerships, ten como obxectivos crear “un marco pedagóxico para o ensino da cidadanía global e a xestión da diversidade ao alumnado europeo de educación superior”; un curso (presencial e virtual) centrado na xestión da diversidade e a cidadanía global e un conxunto de ferramentas para que as e os profesores integren estes temas nos seus cursos de calquera materia do plan de estudos, co reto para desenvolver a perspectiva global e a sensibilidade intercultural do alumnado universitario. Para desenvolver estes produtos, ao abeiro de Globdives realizouse en Lituania un programa intensivo para estudantes das universidades sociais no que se probou a eficacia dos materiais deseñados para o curso.

Completando esta programación, o proxecto contempla unha sesión de formación de profesorado, que se celebra estes días no campus de Ourense e na que participan docentes das universidades europeas socias do proxecto. A cita tamén é aproveita para facer balance de Globdives, que arrancou en xaneiro de 2022 e rematará o vindeiro mes de decembro. Finalizado o proxecto, indican desde a súa organización, o reto será intentar integrar as súas propostas dentro das respectivas universidades para fomentar e facilitar nelas a cidadanía global e a diversidade nas aulas.