DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na Facultade de Filoloxía e Tradución, coa participación da vicerreitora Maribel del Pozo

A UVigo pecha a celebración do 8M cunha xornada sobre igualdade dirixida ao alumnado internacional

As charlas correron a cargo da experta en xénero María López e a policía da UFAM Olalla Pose

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Igualdade
  • Internacional
  • Institucional
DUVI 15/03/2024

Concienciar o alumnado internacional que está a realizar unha estadía académica na UVigo sobre a importancia da igualdade de xénero. Este foi o obxectivo co que se levou a cabo a I Xornada Igualdade para o alumnado internacional, actividade coa que a UVigo pecha a programación de actos organizados arredor da celebración do 8M. Foi este xoves pola tarde no salón de actos da Facultade de Filoloxía e Tradución e contou coa participación da vicerreitora de Internacionalización, Maribel del Pozo; a directora da Unidade de Igualdade, Águeda Gómez; a profesora María del Carmen Cabeza, enlace de Igualdade da facultade, e a presidenta de ESN Jennifer Santabaya. 

A xornada arrancou coa charla Igualdade na universidade: facendo da UVigo un espazo libre de violencias machistas, impartida por María López Vázquez, especialista en Xénero e prevención das violencias machistas. No seu relatorio fixo unha exposición xeral na que lembrou que a universidade, como outros espazos de interacción social, non é allea á violencia machista e, consciente desta realidade, sitúa entre os seus fins  prioritarios contribuír a unha sociedade xusta e igualitaria na que se respecte a igualdade entre mulleres e homes. Nesta liña, e co obxectivo de garantir que a experiencia universitaria sexa positiva para todas as persoas, López subliñou como “fundamental” concienciar e xerar conciencia colectiva sobre a necesidade de previr e actuar contra a violencia machista no ámbito universitario, fundamentalmente ante o acoso por razón de sexo, o acoso e a violencia sexual.

Xunto a López, a xornada contou tamén coa participación de Olalla Pose, policía que presta servizo na Unidade de Familia e Atención á Muller da Comisaría de Policía Nacional de Vigo, con experiencia nas UFAM desde o ano 2017. Licenciada en Psicoloxía, con formación específica en violencia de xénero, afondou na súa intervención nas consecuencias que poden afrontar as persoas que incorran en delitos e faltas relacionadas coas violencias machistas, o acoso e a agresión sexual no ámbito universitario.