DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coordinado pola Xerencia en colaboración co distinto persoal responsable

A UVigo pon en marcha un plan de acollemento formativo para as 200 persoas que participan no concurso de méritos do PAS funcionario

As formacións están tendo lugar, de xeito maioritario, ao longo do mes de xuño

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Cursos
  • Institucional
DUVI 19/06/2023

O cadro de Persoal de Administración e Servizos da Universidade de Vigo ascende na actualidade a máis de 800 profesionais, dos cales máis de medio milleiro son funcionarios de carreira. 195 persoas deste colectivo participaron este ano no concurso de méritos do PAS Funcionario -convocado por Resolución do 30 de setembro de 2022 e publicado no Diario Oficial de Galicia do 13 de outubro- e para todos eles se deseñou un plan de acollemento formativo, que se implanta por primeira vez nesta institución de maneira formal, e que lle está a permitir a todas esas persoas que obtiveron un novo destino recibir por parte da persoa que ata agora ocupaba o posto formación básica e xeral das tarefas que terá asignadas cando tome posesión do seu novo cargo.

“Todos os servizos, ámbitos, campus, oficinas, etc.. se ven afectados pola resolución do concurso, se ben uns en maior medida que outros”, explica o vicexerente de Recursos Humanos, Ángel Nieto, quen cita entre os servizos máis afectados o de Persoal Docente e Investigador, “no cal mudará un número considerable de persoas”.

Formación para gañar celeridade e rodaxe no novo posto

Coordinado pola Xerencia coa colaboración do distinto persoal responsable (xefaturas de servizo, administración de ámbito e campus, dirección biblioteca, oficinas etc..) das diferentes Unidades Administrativas e sendo acordado tamén cos órganos sindicais de representación do PAS, o novo plan busca que a partir do momento en que se faga efectiva a incorporación a persoa que obtivo o posto conte coa formación necesaria que lle facilite unha certa celeridade na posta ao día e na rodaxe para o desenvolvemento das tarefas do novo posto.

“A maiores inclúense tamén cursos de formación xa programados para diferentes servizos como pode ser o que xa está planificado para o Servizo de Retribucións e Seguros Sociais e para os de Persoal e Bolsas, así como para as áreas económicas en materia de fondos Next Generation”, explica Nieto, ao que engade que esta experiencia permitiralle tamén á Xerencia detectar a tempo se existe a necesidade de programar algunha outra actividade formativa en áreas específicas.

Maioritariamente ao longo do mes de xuño

Para facer efectivo este plan de acollemento configurouse un calendario onde se acordou, unha vez feitas as consultas coa persoa responsable -tanto da unidade onde está adscrito o posto que desempeña actualmente a persoa concursante como da Unidade onde está adscrito o posto que obtivo agora como consecuencia da resolución do concurso de méritos-, o día e a franxa horaria en que deben acudir ao novo posto para recibir a formación indicada. 

Froito deste calendario acordado, moitas das formacións xa comezaron e preténdese que todo o persoal as reciba ao longo do mes de xuño, podendo estenderse nalgúns casos excepcionais ao mes de xullo.

Minimizar os efectos do concurso na organización do traballo

Ademais da finalidade formativa, desde a Xerencia destacan que  con este plan se busca tamén minimizar na medida do posible os efectos que toda resolución dun concurso de méritos provoca na organización do traballo das diferentes unidades administrativas afectadas, sobre todo no que atinxe á organización do traballo ordinario. “Entre outras finalidades pretendemos conseguir que, unha vez producida a efectividade do cambio de posto, o persoal que chega a unha nova unidade xa teña unha base formativa e un determinado coñecemento que lle permitan avanzar de maneira máis rápida na realización das funcións asignadas ao seu novo posto, evitando que a celeridade na xestión se demore máis do estritamente necesario, como ocorrería no caso de chegar ao posto carente cando menos desta formación e de coñecementos básicos”, recalca Nieto.

Outra das ideas básicas da posta en marcha deste plan é “conseguir evitar o risco psico-social determinante do estrés que sempre pode producir un cambio de posto de traballo ao persoal concursante no caso de chegar ao novo destino sen ter coñecemento previo, aínda que sexa básico, das funcións e procedementos que terá que levar a cabo cando se faga efectiva a súa incorporación”, indica o responsable da vicexerencia de Recursos Humanos.