DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Elaborado por Mª Jesús López-Miguens e Gloria Caballero e editado polo Consello Social

A UVigo publica un libro sobre a ‘empregabilidade sostible’ do alumnado de mestrados profesionalizantes

Os estudantes consideran que van ter os coñecementos necesarios para traballar ata xubilarse

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Publicacións
  • Investigación
D. Besadío DUVI 20/07/2023

As alumnas e alumnos dos mestrados profesionalizantes da Universidade de Vigo consideran que van ter os coñecementos e as habilidades necesarias para traballar ata a súa idade de xubilación. Son parte das conclusións que aparecen reflectidas no libro Barómetro de empregabilidade sostible da Universidade de Vigo, unha obra elaborada polas profesoras Mª Jesús López-Miguens e Gloria Caballero e editada polo Consello Social na que se amosan como ven estes estudantes as súas futuras competencias profesionais: desde rendemento no traballo, ata factores relacionados co compañeirismo e a motivación.

“A empregabilidade sostible é a capacidade de manter o valor dos traballadores como empregables ao longo de toda a súa vida laboral. Isto engade, respecto a a empregabilidade entendida desde un punto de vista tradicional, outros moitos factores”, apuntan as autoras da obra. Estes outros factores divídense, ao seu modo de ver, en dous grandes grupos: o primeiro, considera os factores de carácter persoal do estudante e inclúen a saúde, a fatiga, as competencias, a formación e a capacidade de resiliencia; o segundo, os factores que xorden da relación do estudante cun traballo e inclúen a capacidade de traballo, o rendemento, o compañeirismo, a motivación, a satisfacción, a necesidade de recuperación, o esgotamento, a influencia da situación persoal no traballo, a promoción no traballo do estilo de vida e do desenvolvemento persoal, así como o absentismo.

Mostra composta por estudantes de 33 mestrados

Para a posta en marcha do estudo utilizouse unha mostra de 202 estudantes matriculados nalgún dos 33 mestrados profesionalizantes que ofreceu a Universidade de Vigo nos tres campus durante o curso 2021/2022. “Os datos foron recollidos entre o 3 de xuño e o 20 de setembro de 2022”, salientan as autoras, ao que engaden que a mostra compúxose por un 59,90% de mulleres e un 40,10% de homes. De acordo á idade, a maioría non alcanzaban os 31 anos (o 57,42%); o 15,35% sitúanse entre 31 e 35 anos, e o resto (o 27,23%) supera os 35 anos. “O 23,76% dedícanse dun modo exclusivo aos seus estudos de máster mentres que o resto compatibilízaos cun traballo”, subliñan as docentes. “De acordo ao campus ao que se adscribe o máster, o 64,85% dos estudantes pertencen ao campus de Vigo, o 22,28% ao de Ourense e o 12,87% ao de Pontevedra”. En relación á empresa que valoran, a maioría inclúese no sector terciario (o 55,44%), seguido do secundario (o 32,18%) e do primario (o 12,38%). 

Empregabilidade sostible fronte á tradicional

Segundo a enquisa realizada, os estudantes valoran a empregabilidade sostible cunha puntuación xeral media de 3,99 sobre 5 puntos. A análise en detalle mostra que estas alumnas e alumnos consideran que as condicións que máis pensan que van ter ata a idade de xubilación, de media, son a de posuír coñecementos e habilidades e a de seguir realizando ben o traballo actual que posúen ata ese momento (ambas as con 4,27 puntos). Séguelle a consideración de que se manterán fisicamente ben ata a xubilación (4,18 puntos) e que estarán motivados no traballo ata ese momento (3,69 puntos). Por último, ofrecen unha menor puntuación ao valorar o interese por seguir traballando ata a idade da xubilación (3,61 puntos).

Con respecto á empregabilidade tradicional o estudo amosa que é valorada por estes estudantes cunha puntuación media de 3,41 sobre 5 puntos. A análise das afirmacións sobre esta empregabilidade mostra que a que máis valoran é a seguridade que teñen de atopar traballo facilmente se empezan a buscar (3,53 puntos) e o convencemento de poder manter un traballo (3,51 puntos). Séguelle a posibilidade de atopar un traballo de inmediato de igual valor ao que teñen en caso de quedar sen o que teñen (3,32 puntos). E, por último, a menos valorada, é a posibilidade de atopar un traballo de inmediato de igual valor en caso de non estar contentos co que posúan (3,25 puntos).

Características persoais dos estudantes 

Os factores que describen as características persoais dos estudantes mostran a súa valoración máis alta cando analizan as súas calidades persoais (4,47 sobre 5 puntos). Séguenlle a saúde que posúen, que é valorada de media polos estudantes en 4,43 puntos e a súa formación, valorada en 4,42 puntos. A continuación, atópanse as valoracións das competencias, agrupadas en catro bloques: a capacidade para traballar dun modo autónomo e con outros, as habilidades sociais, a adaptación e a eficacia no traballo. “A que ofrece maior valoración media é a capacidade do estudante para traballar dun modo autónomo e con terceiras persoas (4,40 puntos), seguida da adaptación (4,33 puntos), das habilidades sociais (4,26 puntos) e, por último, da eficacia do estudante (4,30 puntos)”, subliñan as autoras. Para finalizar coas características persoais da e do estudante, valoran a resiliencia ou a súa capacidade para adaptarse ás adversidades (4,17 puntos).

A continuación, o libro analiza un conxunto de factores que conforman a relación do estudante co traballo. De todos os considerados, os estudantes mostran a valoración máis alta cando analizan o seu rendemento no traballo, seguido do compañeirismo e da motivación. Os seguintes factores máis valorados son a satisfacción no traballo; a capacidade de traballar e a necesidade de recuperación despois da xornada laboral.