DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coincidindo coa conmemoración do Día Mundial de loita contra a depresión

A UVigo reivindica atención “de calidade” para a saúde mental na sanidade pública

Destácase a importancia da investigación en promoción do benestar, prevención e intervención

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Saúde
  • Institucional
DUVI 13/01/2023

Coincidindo coa conmemoración do Día mundial de loita contra a depresión, a Universidade de Vigo lembrou este venres o carácter “esencial” de contar cunha atención á saúde mental de calidade na sanidade pública. Nun escrito asinado pola Vicerreitoría de Benestar, Equidade e Diversidade destácase a importancia da investigación en programas de promoción do benestar, prevención e intervención dos trastornos mentais desde unha perspectiva integrada. “Hoxe tamén é un día para ter presente a depresión nas nosas conversas cos compañeiros e compañeiras, darlle o seu verdadeiro significado ao termo, interesarse polas persoas que nos rodean e as súas emocións”, recalca a vicerreitora, ao que engade que é un día “para ser persoas máis conscientes e empáticas ante unha enfermidade que pode afectarnos a calquera de nós nalgún momento da nosa vida”, salienta a vicerreitora Maribel Doval.

No escrito, feito público na web da vicerreitoría, vanse detallando algunha das causas que explican por que é importante celebrar un día mundial contra a depresión. Arranca apuntando que esta enfermidade é o trastorno mental máis frecuente e afecta, aproximadamente, ao 5% da poboación mundial, o que equivale a aproximadamente 280 millóns de persoas, segundo datos da Organización Mundial da Saúde, OMs. Lémbrase así que os trastornos depresivos non só afectan considerablemente á calidade de vida da persoa que os padece, senón que nos casos máis graves poden levar ao suicidio, que xa se converteu na cuarta causa de morte entre os mozos e mozas de entre 15 e 29 anos.

 “A pandemia de covid-19 agravou aínda máis a situación”

“A pandemia de covid-19 agravou aínda máis a situación de saúde mental en todo o mundo, non só empeorando as condicións existentes, senón que tamén provocou novos casos de depresión”, explica a vicerreitora, ao tempo que apunta que a situación derivou en importantes interrupcións nos servizos de atención psicolóxica e psiquiátrica, de tal xeito que acabou afectando de forma desproporcionada a estas persoas. “De feito, a Confederación de Saúde Mental de España advirte de que os pensamentos suicidas aumentaron entre un 8% e un 10%, sobre todo entre os mozos e mozas, que presentan un aumento da ideación suicida do 14%”, recalca a vicerreitora.

Convertida xa na principal causa de discapacidade no mundo, a vicerreitoría lembra que a OMS incluíu a depresión como unha das condicións prioritarias no seu Plan de Acción para a Saúde Mental, que ten como obxectivo axudar aos países a potenciar os servizos para aqueles que sofren trastornos mentais, neurolóxicos ou de abuso de sustancias.

A importancia de “eliminar o estigma” 

Desde a Vicerreitoría recórdase que coa proclamación do Día Mundial da Loita contra a Depresión, preténdese sensibilizar á xente sobre este trastorno e “eliminar o estigma que aínda pende da enfermidade mental”, así como orientar á poboación sobre as características desta enfermidade para que poida tomar medidas preventivas, saber detectala de xeito precoz ou buscar axuda se a precisa.

Lémbrase que a superación dun episodio depresivo require un tratamento especializado e orientación e apoio do ámbito afectivo e familiar da persoa afectada. Nesta liña, tamén se destaca que, segundo algúns estudos, o dobre de mulleres que homes padecen ou son diagnosticadas de depresión. .