DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No marco da iniciativa Ciencia de Ida e Volta da UCC+i e coincidindo co seu día mundial

A UVigo reivindica a xustiza social cun programa de actividades divulgativas

Entre as accións está a publicación dun minidicionario con 72 termos "para a transformación social"

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Divulgación
  • Investigación
  • Publicacións
  • Institucional
DUVI Ourense 23/02/2024

A Universidade de Vigo súmase á conmemoración, o 20 de febreiro, do Día Mundial da Xustiza Social, cun programa de actividades divulgativas que inclúe unha conferencia, un obradoiro e, sobre todo, a publicación dun minidicionario no que se recollen 72 termos para "a transformación social". As accións forman parte de Ciencia de Ida e Volta, o programa anual de actividades da Unidade de Cultura Científica e da Innovación da UVigo (UCC+i), que conta co financiamento da FECYT.

A programación foi presentada este venres no campus de Ourense. No acto, Mónica Valderrama, vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais da UVigo, salientou que esta iniciativa, ao igual que o programa no que se enmarca, ten como obxectivo que as persoas investigadoras e o seu traballo cheguen á sociedade, subliñando que nesta ocasión colaboran grupos de investigación de diferentes campus e disciplinas. Pola súa banda, Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, amosou a súa satisfacción por acoller esta presentación tendo en conta “o noso compromiso coa inclusión e coa responsabilidade social”.

Carmen Verde e Iria Vázquez, profesoras da UVigo e integrantes do grupo Grupo de Estudos en Traballo Social: Investigación e Transferencia (GETS-IT), e Brais Suárez, investigador do grupo Post-Growth Innovation Lab, foron os encargados de detallar as iniciativas propostas, froito da colaboración destes dous grupos, o primeiro con sede no campus de Ourense e centrado no eido do traballo social e o segundo con sede no campus de Pontevedra e centrado na transición cara sociedades non dependentes do crecemento e si da sostibilidade. Nas súas intervencións destacaron a satisfacción polos bos resultados desta colaboración e a importancia de divulgar conceptos precisos "para a transformación social".

Conceptos para "favorecer a reflexión"

O Día Mundial da Xustiza Social, destacouse desde a UCC+i, é unha data dedicada a apoiar o traballo da comunidade internacional para erradicar a pobreza e promover o emprego pleno, o traballo digno, a igualdade entre homes e mulleres, o acceso ao benestar social e a xustiza social para todas as persoas. Entre as propostas da UVigo para conmemorar este día atópase a elaboración e publicación dun Minidicionario de Xustiza Social, un volume elaborado en estreita colaboración con científicos e científicas sociais do GETS-IT e do Post-Growth Innovation Lab e coordinado por Carmen Verde, Iria Vázquez e Brais Suárez. Dirixida a alumnado da ESO, Bacharelato e FP, a publicación pretende “contribuír a que o estudantado entenda os riscos, dinámicas e retos sociais actuais, ao tempo que pon en valor iniciativas, ferramentas e mecanismos de transformación social”. Inclúe 72 termos divididos en once capítulos relacionados con campos semánticos: xustiza social, interseccionalidade, pobreza, mercado laboral, movementos migratorios, infancia, saúde, dependencia, discapacidade, igualdade de xénero, violencia machista, violencia intrafamiliar e soidade. Ademais, o libro vai acompañado dun xogo de cartas para fomentar a aprendizaxe lúdica.

No glosario destácanse “numerosos conceptos relevantes, curiosos ou novidosos para favorecer a reflexión sobre as distintas realidades sociais da nosa contorna, así como para dar a coñecer algúns dos posicionamentos existentes para afrontar os retos presentes e futuros da sociedade”. O minidicionario conta coa colaboración de autores como Aitor Alonso Rodríguez, Joana Amorim, Tess Doezema, Paula Frieiro, Yolanda García, Rubén González, Clara Grech, Noortje Keurhorst, Cristina Míguez, María Celsa Perdiz, Sabela Pérez, Santiago Prado, Breogán Riobóo, Ana María Rodríguez, Víctor José Sánchez, David Soto e Raquel Vázquez.

Máis propostas

Ademais do minidicionario, a programación da UVigo inclúe a elaboración dun vídeo divulgativo en formato pregunta-resposta, que contará coa colaboración de alumnado de Secundaria do IES de Chapela e do persoal investigador que colaborou na elaboración do glosario. Segundo explicaron dende a UCC+i, “trátase dunha peza audiovisual que busca indagar no nivel de familiaridade do alumnado con determinados termos relacionados coa xustiza social”. Outra das actividades prevista é unha conferencia titulada Xustiza social para combater a desigualdade no mercado laboral, aberta a todos os públicos, que irá acompañada dun obradoiro de elaboración de videocurriculum dirixido a usuarios da Asociación Down Ourense, do centro Marlau e do CIPF Portovello. Tanto a conferencia como o taller serán impartidos pola investigadora do grupo GETS-IT Sabela Pérez o día 29 de febreiro no Edificio de Ferro do campus de Ourense.