DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este venres inaugúrase unha exposición que repasa o seu percorrido vital e pedagóxico

A UVigo rende homenaxe á memoria de Antía Cal no centenario do seu nacemento

A mostra, comisariada por Silvia García, poderá visitarse no edificio Redeiras ata o 22 de marzo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cultura
  • Feiras e exposicións
  • Cultura
D. Besadío DUVI 08/02/2024

Antía Cal, unha mestra innovadora. Este é o título da exposición que se inaugura mañá venres no edificio Redeiras e coa que a Universidade de Vigo quere render homenaxe a quen foi precursora da escola do século XXI, a pedagoga e profesora Antía Cal, falecida en Moaña en marzo de 2022. Comisariada pola docente e investigadora das facultades de Belas Artes e Deseño Silvia García, a exposición quere contribuír ao recoñecemento do traballo e á memoria do percorrido vital e pedagóxico de quen trouxo a Galicia unha nova forma de ensinar. A inauguración será ás 19.00 horas e contará coa participación do reitor, Manuel Reigosa;  a vicerreitora de Extensión Universitaria, Susana Reboreda, e a propia comisaria.

A través de diferentes tipos de contidos, as persoas que visiten a mostra poderán coñecer a historia de Cal, “unha mestra que naceu na Habana, no seo dunha familia procedente de Muras, que se formou no centro Concepción Arenal e que regresou coa súa familia a Galicia, con nove anos cumpridos”, tal e como se lembra no propio texto de presentación da exposición. Foi “unha filla da emigración” que estudou o Bacharelato nos anos de chumbo da Guerra Civil, e a carreira de Filosofía e Letras en plena posguerra, despois de lograr o título de mestra e o de Comercio, e seguiu estudando pola súa conta, lendo e aprendendo. “A súa é unha historia de tenacidade e pequenas audacias que se materializa na creación dun colexio pioneiro: a Escola Rosalía de Castro, en Vigo. Todo comezou en 1961, cando abriu un pequeno colexio na rúa Pizarro; logo construiría un edificio específico na Gran Vía de Vigo e en 1974 o colexio mudaríase para un novo local na parroquia de Bembrive”.

Tal e como explica a comisaria da mostra, en pleno franquismo Antía Cal tivo a audacia de crear unha escola na que as clases se impartían en castelán e inglés, pero na que a lingua galega estaba moi presente, nos nomes das aulas, nas referencias históricas, nas cancións…  “Era a lingua da familia de Antía, «Tita», e iso era unha novidade para moitas das familias acomodadas que levaban os seus fillos e fillas ao colexio”. Era un ambiente educativo no que se poden rastrexar as influencias de Montessori, Pestalozzi ou Decroly e no que o contexto galego estaba moi presente.

Vídeos e libros, parte importante da mostra

Os vídeos son parte fundamental da exposición, incluíndose desde unha peza con algunhas das entrevistas nas que Antía explica o seus traballos no colexio, as súas conviccións educativas e as súas descubertas didácticas ata outro no que aparece o enorme ficheiro (“eran tres mobles con máis de 5000 fichas”) no que organizaba documentación (“sobre todo de prensa”) relacionada cos conceptos que as alumnas e alumnos traballaban nas clases. “Buscando nas fichas podían descubrir documentación sobre a chegada do home a lúa, ou sobre a casa-museo de Rosalía de Castro ou reproducións de obras de Picasso”, explica García.

Xunto aos vídeos, os libros que escribiu son tamén unha parte importante da mostra. Por unha banda, O libros dos nenos, co que gañou o premio Lar de Caracas e A Arte e a súa Historia, que asina con Antón Beiras, “o oftalmólogo galeguista co que casou e co que tivo catro fillos, e que animou e apoiou, de forma decidida, o proxecto pedagóxico de Tita”.

Ata o 22 de marzo

A mostra, organizada coa colaboración da Asociación Cultural Líncora-Alemparte e coproducida pola Dirección Xeral de Política Lingüística, poderá visitarse ata o 22 de marzo na sala de exposicións do edificio Redeiras de luns a venres en horario de 09.00 a 21.00 horas.