DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A oferta total supera xa os 40 títulos e as persoas interesadas poden inscribirse ata o venres

A UVigo renova a súa oferta de doutoramentos cun programa específico sobre Nanociencia e Biomedicina

A Escola Internacional de Doutoramento da UVigo contou o curso pasado con máis de 1500 estudantes

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • HRS4R
  • Investigación
  • Investigación
DUVI 04/09/2023

A UVigo estrea este curso un programa de doutoramento específico en Nanociencia e Biomedicina, vinculado ao seu centro de investigación CINBIO. É a gran novidade dunha oferta de títulos de doutoramento que alcanza xa a cifra de 41 programas, o que suma máis de medio milleiro de prazas de novo ingreso: 355 no campus de Vigo, 103 no de Ourense e 77 en Pontevedra. As persoas interesadas en consultar a oferta total de títulos teñen toda a información dispoñible no apartado da web Acceso doutoramento, así como todos os detalles sobre os trámites de preinscrición -ata este venres día 8- e de matrícula -do 1 ao 7 de outubro-.

Os 41 programas de doutoramento están agrupados en diversos ámbitos de coñecemento: Ciencias, Ciencias da saúde, Arte e Humanidades, Enxeñaría e Arquitectura, e Xurídico Social e neles participan os campus de especialización Campus Auga, o Campus de excelencia internacional Do Mar e o Campus CREA. “Desde a creación no 2013 da Escola Internacional de Doutoramento da Universidade de Vigo, EIDO, destacou por ofrecer un modelo de formación flexible, interdisciplinar e de calidade, orientada a potenciar as liñas de investigación de maior interese e proxección da Universidade”, explica o director do centro, Antonio Collazo, quen fai fincapé en que desde a escola se incentiva tanto a internacionalización do seu alumnado como a transferencia de coñecemento ao tecido empresarial, potenciando a colaboración con empresas e centros de innovación e tecnoloxía. “A investigación que desenvolven os nosos estudiantes gaña sentido cando se comparte, cando se achega a ciencia á sociedade”, recalca o docente.

Con máis de 1500 estudantes matriculados no curso 2022/2023, a matrícula de primeiro ano fora nesa ocasión de 358 estudantes, amosando unha evolución moi positiva respecto ao ano anterior, no que se matricularan 322 novos estudantes e a expectativa é que estas cifras sigan mellorando, xa que “ao longos destes anos a escola foise consolidando como referente nacional e internacional, proporcionando unha formación investigadora de excelencia, unha verdadeira fábrica de talento”.

12 prazas para o novo Doutoramento en Nanociencia e Biomedicina

Coordinado polo investigador do CINBIO Juan Pablo Hervés Beloso, o novo Programa de Doutoramento en Nanociencia e Biomedicina oferta neste primeiro curso un total de 12 prazas coas que as persoas aspirantes poderán optar a liñas de investigación como as terapias avanzadas; sistemas e sensores para a monitorización en medioambiente e saúde; os nanomateriais funcionais; a prevención de enfermidades, dispositivos e biomarcadores para a detección temprana; alimentación, nutrición e seguridade alimentaria; ou estratexias de sostenibilidade.

Este novo programa nace co obxectivo principal de dotar ao alumnado das ferramentas e metodoloxías xerais necesarias para desenvolver os seus traballos de investigación, buscando a integración de dúas áreas de traballo inicialmente dispares, como son os Nanomateriais e a Biomedicina; ademais de presentar unha visión multidisciplinar e colaborativa entre diferentes liñas e áreas de investigación. “A ciencia dos nanomateriais formou parte tradicionalmente da química e da física pero, grazas principalmente ás súas diversas aplicacións, actualmente ten un importante peso no ámbito da biomedicina”, subliña o coordinador deste novo doutoramento, quen engade que “este é precisamente un dos puntos fortes deste programa do que forman parte a maioría dos grupos de investigación do CINBIO”.

Ademais do propio CINBIO, tamén participan neste novo programa de doutoramento outros centros de investigación como o Iberian Nanotechnology Laboratory (INL) de Portugal ou o Centro de investigación cooperativa en Biomateriales (CIC biomaGUNE) de San Sebastián, algo que permitirá ao estudantado ter maiores posibilidades para a realización de estancias noutros centros de investigación, tanto nacionais como internacionais.