DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ata o 8 de maio está aberto o prazo para a presentación de solicitudes  

UVigo SpaceLab busca alumnado de grao e posgrao de todos os ámbitos para ampliar o equipo da misión BIXO

Ademais de comezar coa montaxe do satélite, traballan no deseño da estación terrea

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PDI
  • Vigo
  • Asociacións de Estudantes
  • Estudantes
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 17/04/2023

Cando están a piques de cumprirse dous anos do inicio da misión BIXO, o CubeSat de dous unidades que levará a bordo unha carga biolóxica para estudar como a microgravidade e a radiación afectan aos procesos de comunicación bacteriana, UVigo SpaceLab, o equipo de estudantes da UVigo que desenvolve o proxecto, avanza no deseño da estación terrea, unha parabólica de 1,8 metros de altura, que permitirá conectar desde a Terra co satélite, ademais de seguir co deseño da súa estrutura e iniciar a súa montaxe para realizar ensaios sobre os prototipos.  

O equipo, que recentemente sumaba dous novos departamentos (microfluídica e embebidos) aos sete existentes (comunicacións, software de alto nivel, organización e márketing, enxeñaría de sistemas, estruturas e control técnico, electrónica e ADCS), inicia agora, e ata o vindeiro 8 de maio, unha fase de ampliación, aberta ao alumnado da UVigo. “Buscamos estudantado do ámbito enxeñeril, do científico-técnico, e mesmo do económico, dos campus de Vigo e Ourense, que estea desexando involucrarse nun proxecto de alta retribución académica e profesional”, explica Manuel Diz, coordinador do proxecto. Concretamente, os perfís máis demandados son os dos diferentes graos de Enxeñaría de telecomunicación, Minas e Enerxía, Industriais, Mecánica, Electrónica, Biomédica; así como Bioloxía, Química; ademais de Económicas, ADE, Xurídicas, Filoloxía e Tradución. “Tamén son benvidos os estudantes de dobres graos, mestrados e doutoramentos”, sinala Diz, que lembra que non cómpre ter experiencias ou coñecementos previos, “o máis importante é ter ganas de aprender”.

O alumnado que estea interesado en incorporarse a UVigo SpaceLab, poderá presentar a súa solicitude, ata o 8 de maio, cubrindo un formulario.

Publicacións científicas e fases de test e prototipado do programa Fly your Satellite!

Ao tempo que as e os integrantes de UVigo SpaceLab avanzan no deseño da estrutura e da montaxe do satélite, así como no da estación terrea, acaban de facer entrega da documentación necesaria para pasar a Base Line Design Review do Fly your Satellite! Design Booster, o programa da Axencia Espacial Europea, para o que BIXO foi seleccionado, e que lle permite contar con apoio de especialistas do máximo nivel durante o desenvolvemento da misión, así como con toda a experiencia e as facilidades das que dispón a ESA. “Ademais estamos a ter reunións semanais con distintos expertos para revisar e mellorar a documentación de deseño e así poder avanzar á próxima fase de testado e prototipado”, explica Manuel Diz.

Así mesmo, o traballo desenvolvido polos integrantes de UVigo SpaceLab está a xerar artigos científicos, como o presentado á competición para estudantado, organizada pola 37ª Small Satellite Conference, sobre a preservación de microorganismos biolóxicos en misións espaciais. “No noso estudo, presentamos un sistema novidoso para levar bacterias en estado latente dentro do satélite e reactivalas en órbita mediante a adición dun caldo nutritivo. Esta técnica, a liofilización, é completamente innovadora en comparación con misións anteriores da NASA e outras axencias, que levaron diferentes tipos de microorganismos que non requiren condicións de preservación tan duradeiras”, detalla o coordinador da misión, que asegura que o equipo está impaciente por saber se o seu traballo está entre os galardoados, o que lles permitiría presentalo nunha conferencia en Utah e compartir máis coñecementos sobre esta nova técnica.

Doutra banda, no congreso Small Satellites & Services International Forum 2023, celebrado en Málaga, o estudantado da UVigo presentou varias publicacións científicas de impacto, “como as simulacións estruturais da configuración do satélite, o deseño dunha antena de bandas s para enviar  información á estación terrea e o deseño dun sistema microfluídico para estudar o crecemento de bacterias en órbita”, enumera Diz.

No desenvolvemento da misión, o seu coordinador destaca o papel que están a xogar os patrocinadores, como DHV Technology, Alén Space e UARX Space, “que non só nos brindan o seu apoio, senón que tamén nos provén dalgúns dos subsistemas que nos permitirán levar a cabo a reactivación da bacteria en órbita”.