DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través do uso da aplicación Hoop Carpool 

A UVigo súmase á iniciativa Comparte Coche

Entre os días 22 ao 24 de novembro os tres campus acollerán cadansúa presentación

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Medio Ambiente
  • Institucional
DUVI 17/11/2022

Que estudantes, persoal docente e investigador e persoal de administración e servizos que diariamente se despraza aos campus de Vigo, Ourense e Pontevedra, viaxen xuntos, co conseguinte aforro de cartos e de emisións de CO2, é o obxectivo da iniciativa Comparte Coche, á que a UVigo acaba de sumarse. A través da aplicación gratuíta Hoop Carpool condutores e pasaxeiros poden entrar en contacto para compartir os seus traxectos habituais en coche, promovendo a mobilidade sostible e a optimización da ocupación dos vehículos. “A posta en marcha deste proxecto pretende facilitarlle a toda a comunidade da UVigo a posibilidade de coñecer a outros membros para que poidan compartir coche nos seus desprazamentos do día a día aos campus. E desta forma, compartan gastos, aforren tempo e eviten emisións contaminantes”, sinalan os promotores da iniciativa, cos que a Universidade de Vigo asinou un acordo para implementar o vehículo compartido. 

“Como consecuencia do uso da aplicación Hoop Carpool espérase que durante o curso 2022-2023 se consiga que se aforren 25.200 kg de CO2 e que as persoas usuarias compartan gastos. Con iso xérase un aforro de case 45.000 euros e máis de 54.000 horas”, explican os promotores, que destacan que outras 11 universidades públicas e privadas españolas xa se sumaron con anterioridade a esta iniciativa.

Lanzamento de #UVigoComparteCoche nos tres campus

O alumnado, PDI e PAS da UVigo terá ocasión de coñecer de primeira man #UVigoComparteCoche entre os días 22 ao 24 de novembro, en cada un dos tres campus, nos puntos de información que Hoop Carpool habilitará en diferentes lugares. No campus de Ourense localizarase o martes 22, entre as 11.00 e as 14.00 horas na Facultade de Turismo; en Pontevedra, será o mércores 23 de novembro, en horario de 10.00 ás 14.00h, na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e ao campus de Vigo chegará o xoves 24 de novembro, de 11.00 ás 14.00h, na área comercial.