Os autobuses que realizaban a ruta dende o centro da cidade deixan de operar
A UVigo suprime as medidas de reforzo do transporte ao campus tras rematar a folga en Vitrasa
Isto permite retomar o servizo circular, suspendido durante estas semanas
Tras a suspensión da folga en Vitrasa e a volta á normalidade do transporte urbano, a Universidade de Vigo tamén procede á supresión do servizo de transporte propio que se puxo a disposición do alumnado para complementar os servizos mínimos da empresa concesionaria. Deste xeito, os autobuses da institución que durante estas últimas semanas realizaban a ruta entre as paradas das Travesas e da praza de España e o campus de Vigo, deixan de operar dende hoxe.
Como xa informara o reitor, Manuel Reigosa, nunha carta aberta á comunidade universitaria, esta era unha medida de carácter temporal para paliar os inconvenientes provocados pola folga e asegurar que o estudantado chegase a tempo aos seus centros e, polo tanto, concluiría no momento no que rematese a folga.
A supresión destas dúas liñas temporais permite tamén retomar o servizo circular do campus, que quedara en suspenso durante este período.
Os horarios e os percorridos das liñas do transporte municipal están dispoñibles en www.vitrasa.es