DUVI

Diario da Universidade de Vigo

UVigo, USC e UDC poñen en marcha o centro de investigación en matemáticas, CITMAga

Co obxectivo de potenciar a I+D e a transferencia de coñecemento matemático á sociedade

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Investigación
DUVI 09/09/2021

A investigación de excelencia e a transferencia de coñecemento en todas as áreas das matemáticas constitúen o eido de actuación do Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemáticas de Galicia (CITMAga) que nace como froito da suma de esforzos das tres universidades galegas. UVigo, USC e UDC únense para conformar este novo centro que aspira a converterse nun piar de excelencia científica dentro do ecosistema de innovación e investigación de Galicia, formando, atraendo e retendo talento, “para dotar á sociedade e á industria galega e española de coñecemento innovador e vantaxes competitivas e sostibles a través do acceso a capacidades científicas e tecnoloxías de primeiro nivel”, sinalan dende as tres institucións. 

En CITMAga as universidades galegas integran as súas capacidades científicas e tecnolóxicas no eido das matemáticas máis competitivas nunha axenda científica común, aliñada cos retos globais definidos polos programas marco europeos (Horizon Europe), a Estratexia Española de Ciencia, Tecnoloxía e Innovación e a RIS3 de Galicia. 

O centro botou a andar oficialmente esta semana coa celebración da xuntanza do seu Consello Reitor, tras o cal o vicerreitor de Investigación e Innovación da USC, Vicente Pérez Muñuzuri, lembraba que “somos unha potencia na investigación e na transferencia das matemáticas e, neste senso, o CITMAga continuará co bo facer que ata o de agora desenvolveron tanto o Instituto de Matemáticas da USC, como o Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (Itmati)”.

Esta reunión serviu tamén para nomear o Consello Asesor Científico Externo, que estará integrado por Manuel de León, fundador e ex-director do Instituto de Ciencias Matemáticas (ICMAT); Luis Vega, ex-director do Basque Center for Applied Mathematics (BCAM); Emilio Carrizos, presidente da Red Math-in; Patrizia Pucci, profesora da Universidade de Perugia; e Kathryn Hess, profesora da Ecole Polytechnique Federale de Lausane, todos eles referentes no ámbito das Matemáticas a nivel internacional, e líderes de iniciativas de éxito coma o ICMAT ou o BCAM. Dado que a actividade de transferencia é tamén un piar do centro, o CITMAga contará cun Comité Asesor Industrial do que formarán parte Rebeca Acebrón, CEO en Acebrón Group e vicepresidente de Asime; Emilio Bruquetas, director xeral de Reganosa; Javier Bullón, ex-director de I+D de Ferroatlántica; Antonio Torrado, director da área de Big Data & Advanced Analytics de SDG Group Iberia; e Xosé Ramón Sousa, director de I+D de Optare Solutions.

A axenda científica

CITMAga converterase nun piar de excelencia dentro do ecosistema de innovación e investigación e tecnoloxía matemáticas de Galicia, atraendo e retendo talento, cun forte compromiso coa transferencia de coñecemento e dando á sociedade e á industria galega e española unha vantaxe competitiva e sostible a través do acceso a tecnoloxías innovadoras de primeiro nivel.

Estes obxectivos reflíctense claramente na súa organización científica. A Axenda M4 (Axenda "Matemáticas para") inclúe catro áreas de investigación e transferencia (AIT), —Matemáticas para a vida e a sustentabilidade, Matemáticas para a sociedade dixital, Matemáticas para a competitividade industrial e Matemáticas para a ciencia e o coñecemento— concibidas como programas interdisciplinarios que promoven a colaboración científica e a interacción institucional para resolver problemas globais relacionados coa vida e a saúde, a sociedade dixital e a industria, así como para xerar e difundir coñecementos matemáticos de vangarda.

Itmati, na orixe

A estreita relación coa contorna e a necesidade de contar con mecanismos de transferencia adaptados ás necesidades das demandas por parte da industria levaron a un grupo de investigadores e investigadoras das tres universidades galegas, a promover a creación dun consorcio interuniverstario, o Itmati. Dende a súa creación, en 2011, desenvolveu unha destacada actividade na posta a disposición do coñecemento e as capacidades matemáticas desenvoltas nas universidades galegas ao mundo empresarial. A relación coa contorna industrial materializouse en distintas iniciativas como por exemplo a creación dunha Unidade Mixta de Investigación con Repsol, e tamén numerosas colaboracións con empresas punteiras como Reganosa. A creación do  CITMAga supón, polo tanto, un novo paso ao tratarse dun centro interuniversitario que aspira a converterse nun centro de investigación de referencia.