DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Grava unhas 500 horas ao ano

UVigoTV supera o listón do millón de vídeos vistos

Xa se descargaron máis de 100.000 ‘podcast’ a través de iTunesU, a metade desde Estados Unidos

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Noemí Rey DUVI 02/11/2010

A barreira estaba ben alta, pero a UVigoTV conseguíu rachala case sen darse conta. Durante o pasado curso académico, a canle de televisión da Universidade de Vigo superou os 1,1 millóns de vídeos vistos, o que dá unha idea da boa acollida que ten entre o alumnado o feito de ter grabadas clases, relatorios e outros eventos e telos a súa disposición. “Agora a discusión está en se é interesante ou non a nivel docente, porque non se sabe se mellora a aprendizaxe, pero a realidade é que o estudantado demándao”, asegura Vicente Goyanes, coordinador de Servizos Multimedia da Universidade. Ilústrao cun exemplo: nun campus noruego foron os propios alumnos e alumnas os que puxeron en marcha o sistema gravando as clases cos seus portátiles e coa cámara web enfocando ao profesor.

Polo momento, gravan unhas 500 horas ao ano e xa teñen máis de 4500 vídeos almacenados en PuMuKIT, unha plataforma deseñada e liberada pola Universidade de Vigo que permite automatizar o proceso de publicación vía Internet de contidos audiovisuais a través de canles como YouTube. Precisamente ter os contidos “catalogados na casa” é fundamental. “Telos nun sitio do que non podes extraelos de forma mecanizada pode dar moitos problemas. Con PuMuKIT tes os vídeos no teu campus e logo cuns plugins insértalos en calquera plataforma de xeito doado. Nós metemos uns 2000 en menos dunha semana, porque xa estaban precatalogados”, explica Goyanes.

Benvido ao mundo de Apple

A chegada da Universidade ao mundo de Apple tampouco foi nada mal. Non levan nin un ano e xa houbo preto de 100.000 descargas a través de iTunesU, a metade delas desde Estados Unidos. O motivo: que é a primeira universidade de fala hispana que participa no sistema. “Cando estabamos en proceso de sumarnos houbo un momento en que todo se estancou porque querían darlle o visto bo desde Estados Unidos, cando aquí onde se xestionan as universidades é en Europa. Pero na central de California viron o potencial do proxecto e quixeron validalo”, recorda.

Desde entón están na elite participando con máis de 600 universidades, algunhas tan importantes como Oxford, Cambridge, Yale ou Berkeley. “Somos pequeniños pero xogamos na Champions”, bromea Goyanes. Non é para menos: nas universidades norteamericanas a referencia para distribuir os contidos académicos en aberto é iTunesU, pero en Europa non hai nin tanta implantación “nin tanto fanatismo polos dispositivos de Apple, pero pareceunos interesante facilitar o acceso aos contidos desde dispositivos móbiles, sobre todo cando están desconectados para que o alumnado poida descargar a clase e visualizala cando e onde queira”.

A experiencia de UVigoTV dá exemplo

Como referencia de iniciativa de contidos audiovisuais na rede. Así presentouse UVigoTV nas xornadas anuais dos Servizos de Medios Audiovisuais das Universidades Españolas, Savues 2010, nas que participou Vicente Goyanes nunha mesa redonda compartida con representantes da talla de Red.es ou Universia. A razón é que Vigo participa á vez en dous proxectos de vital importancia neste despegue: o TF-Media, centrado na produción, xestión e distribución de contidos audiovisuais e multimedia no entorno universitario e de investigación europeo, e no Opencast, liderado pola Universidade de Berkeley de California e no que participan 13 universidades de todo o mundo para intentar crear unha nova xeración para a distribución automatizada por internet de contidos audiovisuais docentes e científicos, incluida a gravación de clases e relatorios.

O obxectivo último destes proxectos sería conseguir facer gravacións masivas de clases, co 100% das horas e de xeito automatizado. Agora xa non só se grava en vídeo ao profesor, senón tamén o que se proxecta (diapositivas, power point…), que o sistema procesa para permitir procuras de texto que leven ao alumnado a un punto concreto do vídeo, que se poidan introducir conversas nunha marca de tempo concreta e fomentar o debate. “Isto non é o futuro, a demanda xa está aí”, remarca Goyanes.

Con todos estes avances enriba da mesa, a Universidade de Vigo participou nunhas Savues nas que se chegou a un acordo para comezar a traballar no deseño e desenvolvemento dunha plataforma compartida na que estean todos os repositorios de contidos audiovisuais universitarios, que os ordee e seleccione de xeito accesible para os usuarios. Isto situaría ás universidades españolas como unha marca propia e incentivaría as coproducións para rentabilizar custos.