DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Xunto con algunhas das universidades máis senlleiras do mundo

UvigoTv traballa na creación da 2ª xeración de sistemas audiovisuais multimedia sobre Internet para a docencia a nivel internacional

Para a Universidade de Vigo foi unha aposta estratéxica nos últimos anos

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
DUVI 27/10/2008

A aplicación das novas tecnoloxías á docencia é unha camiño no que aínda queda moito por avanzar e que pode transformar completamente o concepción da docencia. Plataformas virtuais, clases on-line, intercambios de apuntamentos dixitais..., o ordenador semella ser o eixo de todo este cambio. Neste sentido, a Universidade de Vigo é pioneira coa posta en marcha de UvigoTv, unha plataforma que facilita o acceso da comunidade universitaria e da sociedade en xeral a clases, conferencias e relatorios en formato dixital, creando unha videoteca de obrigada consulta. Este temperán achegamento da institución aos contidos multimedia sitúana agora nunha encrucillada na que se atopa da man das mellores e máis prestixiosas universidades do mundo como Cambridge, Berkeley, Standford, Oxford, o Georgia Tech ou o ETH de Zurich. O obxectivo deste grupo, baixo o nome de Opencast é desenvolver a segunda xeración de sistemas audiovisuais multimedia en rede para a docencia que sexa de aplicación mundial. Estas entidades son pioneiras na gravación e distribución de clases e outro material docente en formato audiovisual por internet para os alumnos pero o momento actual require unha mellora dos sistemas empregados por cada un para acadar un sistema común e único para realizar estas tarefas.
Segundo explica Vicente Goyanes, responsable de UvigoTv, “todo isto xurde cando algunhas universidades por todo o mundo, entre elas a de Vigo, comezaron a facer as súas experiencias pero de xeito individual e illados, gravando conferencias ou clases, sobre todo no mundo anglosaxón”. Pero determinadas universidades, moi competitivas na captación de alumnos, déronse conta de que os estudantes valoran moi positivamente este tipo de servizos á hora de elixir onde cursar os seus estudos superiores. “Agora está claro que realmente ten impacto e comeza a haber unha forte presión entre as cúpulas directivas de algunhas universidades para que se faga algo en serio xa que lles supón unha vantaxe competitiva”, apunta Goyanes.

Unha aposta por acadar un sistema común

Cada unha destas universidades traballaba dun xeito e con formatos e solucións diversos, tanto propios como comerciais. Para Goyanes, “a vantaxe do traballo conxunto é que ata o de agora cada un emprega o seu esforzo no seu propio sistema e estes estaban sendo difundidos en ámbito limitados e, en moitos casos, non son interoperables, polo que impide o intercambio. Opencast cambia esta realidade, do mellor de cada un sairá a nova xeración do sistema”.
No que se refire ás modificación, o novo sistema pretende posibilitar o tratamento completo de contidos audiovisuais na docencia universitaria. “Preténdese que sexa capaz de realizar gravacións masivas de clases, que poida gravar o 100 % das horas de todas as clases dunha universidade se se quere”, destaca. A idea é que o faga de xeito automatizado, instalando os sistemas precisos nas aulas de xeito que gravase autonomamente, conectándose ás guías docentes e demais bases de datos de xestión da docencia, de xeito que podería identificar ao profesor, a materia... e catalogalo inmediatamente para poder dispoñer del ao momento. Facilitaría as buscas convertendo a voz do docente a texto e sería capaz de facer o mesmo con transparencias ou power points e vinculalo ao momento exacto de tempo no que se mostrou, de xeito que ofrece un produto completo con audio, vídeo, texto, hipervínculos, ficheiros adxuntos e todos os obxectos dixitais multimedia precisos para a docencia. “É un sistema máis intelixente e automático pero tamén máis complexo e difícil de desenvolver, polo que é moi importante a colaboración”, subliña o responsable de UvigoTv.

O camiño a seguir

No último ano o que se fixo foi unha posta en común da experiencia de cada un para determinar como sería o sistema de segunda xeración, o sistema do futuro, perfecto para as nosas universidades. Unha vez definido, explica Goyanes, “na reunión que tivemos días atrás en San Francisco o que se delimitou foron os pasos a dar a partir de agora: avanzar a arquitectura do sistema para que poida satisfacer as necesidades marcadas”. O seguinte paso será buscar fondos e repartir o traballo de delimitar a arquitectura entre as universidades participantes, dependendo da especialización dos seus sistemas, aportando cada un en medida da súa experiencia e do seu forte.
Dende o punto de vista de Vicente Goyanes como membro deste foro, “o lóxico sería que outras institucións académicas se foran unindo no futuro, xa que este semella ser o camiño a seguir, marcado por algunhas das máis prestixiosas e competitivas. Non son moitas as universidades que aposta por isto, pero a categoría das que o fan fai pensar que posiblemente ese sexa o camiño polo que hai que ir”.
Como recalca Goyanes, “é moi complicado falar de prazos. Todos temos un sistema deste tipo xa en funcionamento e ofrecemos o servizo, polo que para nós será unha mellora. Pero agardamos que outras universidades comecen a ofrecelo cun este sistema novo, é unha aposta de futuro e os agardamos contar cos primeiros elementos funcionais dentro dun ano”. De momento, o software co que traballa UvigoTv, PuMuKIT, que é libre para uso docente e está a disposición da comunidade, está a ser empregado por 15 universidades de España e Latinoamérica, sendo o sistema máis estendido en países de fala hispana.