DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizado pola Facultade de Bioloxía

O V Concurso de Fotografía Biolóxica premia ás mellores instantáneas de artrópodos

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Lucía Costas DUVI 14/11/2008
Insectos, arácnidos, crustáceos ou miriápodos han ser os protagonistas das fotografías realizadas para o quinto concurso de fotografía biolóxica, unha actividade organizada pola Facultade de Bioloxía que se enmarca na Semana da Ciencia 2008. O día 20 de novembro, ás 14.00 horas no salón de actos do edificio de Ciencias Experimentais, coñeceránse os gañadores dos tres premios e un accésit á fotografía máis orixinal.
Para acadar algún dos galardóns os traballos participantes han cumprir unha serie de normas e, posteriormente, ser valorados por un xurado composto por un representante do equipo decanal, outro do PDI, do PAS e dos alumnos.
Tres fotografías relacionadas con calquera aspecto sobre os artrópodos, en branco e negro ou en cor e realizadas con calquera técnica, son o máximo que pode entregar cada persoa. O tamaño mínimo destas será de 10X15 cm e o máximo de 20X30 cm, así mesmo as obras deberán ir montadas sobre cartolina, cun marco de dous centímetros, onde figurará o título. Ademais, cada participante entregará dous sobres pechados: un deles, sinalado externamente coa palabra foto, conterá as fotografías identificadas na súa parte posterior cun pseudónimo; o outro irá rotulado co pseudónimo elixido e incluirá o nome do autor e un teléfono de contacto.
Os traballos serán depositados na biblioteca do edificio de Ciencias Experimentais ata o vindeiro martes 18 de novembro ás 14.00 horas. A partir do día seguinte as obras permanecerán expostas nas instalacións do mesmo edificio. As fotografías gañadoras pasarán a ser propiedade da Facultade de Bioloxía, que poderá facer uso libre delas citando sempre ao seu autor; pola contra, aqueles traballos que non resultaran premiados poderán recollerse no Decanato ata o 12 de decembro.

Semana da Ciencia 2008

Dende o pasado 10 de novembro e ata o 23 estase a celebrar Semana da Ciencia, un evento de carácter europeo coordinado en Galicia pola Consellaría de Innovación e Industria en colaboración coa Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía.
A Universidade está a participar neste acontecemento, que se celebra anualmente, para achegar a ciencia e a tecnoloxía á sociedade, organizando unha serie de actividades coas que se pretende amosar á cidadanía, dun xeito accesible e divulgativo, como a ciencia e a tecnoloxía están presentes nas vidas cotiás dos cidadáns, desde os elementos máis simples aos máis sofisticados.
Co obxectivo de incitar ao pensamento, provocar a curiosidade e divertir a un público o máis amplo posible organízanse exposicións, relatorios, visitas guiadas, obradoiros, representacións e concursos, todos eles relacionadas co mundo científico-tecnolóxico.