DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Estaba previsto que a cita tivese lugar o 26 e 27 de outubro na Pobra de Trives

O V Congreso Manuel Luís Acuña celebrarase finalmente en marzo

O motivo do troco é garantir a participación dos relatores previstos no programa

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 25/10/2012
O V Congreso Manuel Luís Acuña cambia de datas. A cita sobre o intelectual galeguista ourensán, que estaba previsto se celebrase os días 26 e 27 de outubro, será finalmente o 1 e 2 de marzo de 2013. Segundo salienta Xosé Manuel Cid, un dos seus coordinadores, motivos de índole organizativa obrigaron a pospoñer a realización deste congreso bianual. Con este novo emprazamento no calendario, os promotores da iniciativa agardan poder garantir a participación de todos os relatores previstos no programa inicial. O aprazamento tamén permitirá ás persoas interesadas e aínda non inscritas unirse a esta iniciativa.

O V Congreso Manuel Luís Acuña, organizado pola Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense, polo Concello da Pobra de Trives e por Nova Escola Galega, ten como obxectivo profundar no achegamento que nas edicións anteriores se fixo á figura deste intelectual e do tempo no que viviu. Durante os dous días celebración, os participantes afondarán en cuestións como a historia dos diferentes modelos educativos do ensino en Galicia; as figuras de Valentín Paz-Andrade e Celso Emilio Ferreiro; o papel das mulleres na guerrilla antifranquista; a incorporación da muller ao ensino; o asasinado mestre Antonio Caneda e a literatura no cambio de século. Entre os conferenciantes estarán Xesús Alonso Montero, Aurora Marco, Narciso de Gabriel, Ramón Nicolás Rodríguez e Ana Cebreiros. Ademais, cando menos sete relatorios achegaranse a diferentes aspectos da figura de Manuel Luís Acuña e do seu tempo.

Na programación tamén destaca a implicación dos colexios da Pobra de Trives. Así, o primeiro día o grupo de teatro A illa, do IES Pobra de Trives, representará a peza A natureza no reino da escuridade, inspirada nos tempos de Acuña. Ao día seguinte, alumnado do CEIP da mesma localidade ofrecerá un recital de poemas do intelectual galego e inaugurarase unha exposición con láminas a partir dos textos lidos. Serán a parte máis lúdica dunha cita que tamén contará con proxeccións audiovisuais, concertos de música e presentacións de libros.