DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Arrancará o venres pola tarde na Facultade de Ciencias da Educación

V Congreso de Patrimonio Etnográfico homenaxeará aos afiadores como transmisores da cultura inmaterial

Participarán estudantes e expertos España, Francia, Italia e Portugal

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
DUVI 07/10/2014

Un oficio tan tradicional de Ourense como o de afiador será o protagonista da quinta edición do Congreso de Patrimonio Etnográfico, que arrancará este venres na Facultade de Ciencias da Educación. Docentes, estudantes, familiares de afiadores e expertos de España, Francia, Italia e Portugal analizarán as achegas desta profesión ao patrimonio inmaterial e etnográfico. Ata o luns da vindeira semana sucederanse relatorios, mesas redondas, comunicacións e visitas que terán como obxectivo principal non só o oficio, senón a fala, as técnicas artesanais e o seu papel como transmisores da cultura ao seren “grandes viaxeiros”, como lembrou no acto de presentación do congreso o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández. O ente provincial xunto coa Facultade de Ciencias da Educación, o Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, a asociación Ben-Cho-Shey, Nova Escola Galega e a Sociedade Iberoamericana de Pedagogía Social son os organizadores dun congreso que celebra a súa segunda edición de carácter internacional.

O obxectivo é poñer en valor a figura do afiador e analizar as achegas que este oficio trouxo á etnografía galega e ao noso patrimonio inmaterial, aínda que tamén haberá espazo para outras técnicas artesanais de comunidades rurais como os quincalleiros. Participarán relatores que analizarán dende diversas perspectivas o mundo que discorre arredor dos afiadores, dende a súa fala e cultura, ata a súa evolución histórica e o seu ámbito xeográfico, ademais das importantes achegas sociais que este oficio deu “pois os afiadores foron grandes transmisores de cultura e saberes”, afirmou Rosendo Fernández, quen destacou que cada roda “ten a súa historia e debe de ser contada, porque iso supón facerlles aos afiadores a homenaxe que se merecen”.

Neste acto, Xosé Manuel Cid lembrou que este congreso recolle a testemuña do gran labor que fixo Fidalgo Santamariña “poñendo en valor o rico patrimonio inmaterial que temos na provincia de Ourense, algo que estamos a trasladar ás escolas pois debemos transmitir aos nenos e mozos este coñecemento para que non se perda e sexan eles os garantes de mantelo no futuro”. Neste sentido referiuse ao labor que realiza dende hai vinte anos a asociación pedagóxica e cultural Ponte nas ondas que está a traballar no eido da etnografía con 50 escolas da raia galego-portuguesa para tentar conseguir o recoñecemento desta labor de posta en valor da riqueza inmaterial por parte da Unesco. Florencio de Arboiro, presidente da asociación Ben-Cho-Shey, agradeceu a sensibilidade da Deputación de Ourense e da Universidade Vigo por xuntar esforzos “a prol dunha figura tan nosa como é o afiador, porque mantendo a súa memoria mantemos tamén a memoria do noso pobo e conservamos as tradicións das nosas xentes”.

Comunicacións e visitas

Mariló Fernández, directora do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, explicou que esta quinta edición analizará dende o punto de vista académico e investigador pero tamén social o eido dos afiadores, “mentres que nas anteriores analizamos temas como a figura de Xaquín Lorenzo, o patrimonio no século XX ou mesmo a etnografía no Camiño de Santiago”. Unha das singularidades do congreso é a visita a Casa das Rodas, en Arboiro, que terá lugar o sábado, día 11, onde Florencio de Arboiro ten a maior colección do mundo de rodas de afiar, que poderá ser visitada polos participantes do congreso. Pero o primeiro día do simposio arrancará cun relatorio inaugural da man de Olegario Sotelo sobre o oficio de afiar, para dar paso a unha mesa redonda sobre este e outros oficios relacionados.

A mañá do venres centrarase nas técnicas artesanais e contará coa participación varios expertos que afondarán na memoria do oficio, dende a súa representación e discursos patrimoniais ata a súa presenza na filatelia mundial e falarase tamén de experiencias expositivas como a propia Casa das Rodas, que se visitará o sábado, ou o Museo da Cuchillería de Albacete. Na sesión de tarde, os asistentes coñecerán de primeira man a construtores de rodas de afiar en Nogueira de Ramuín, visitarán Parada do Sil e asistirán en Trives á proxección do documental A última viaxe do afiador, de Aitor Rei.

Xa o sábado desprazaranse á Casa das Rodas e terán lugar encontros con afiadores e quincalleiros, ademais dun relatorio dun experto francés sobre os afiadores do país galo e un roteiro etnográfico. O luns remata o congreso cunha xornada centrada no oficio e na fala con relatorios e proxeccións que terán como protagonistas aos afiadores italianos.

Programa do congreso