DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O encontro terá lugar en Allariz o 25 e 26 de febreiro

O V Encontro sobre o Medio Rural reivindicará unha educación permeable á cultura

A ausencia da cultura popular no currículo educativo pon en perigo a súa transmisión

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 11/02/2011

O peche da escola é un dos momento máis tristes que teñen que enfrontar os cada vez máis envellecidos pobos do rural galego. Nese momento faise explícito que non teñen relevo xeracional que garanta a pervivencia da súa comunidade. Son moitos os elos da cadea que se rompen cando a escola desaparece, entre eles a transmisión da cultura tradicional que se viña producindo nesas aulas rurais.

Para reivindicar a supervivencia destes centros e a transmisión da cultura galega en novos contextos urbanos, o 25 e 26 de febreiro Nova Escola Galega, coa colaboración da Universidade de Vigo, o Concello de Allariz e a Xunta de Galicia, organiza en Allariz o V Encontro de Debate sobre o Medio Rural: Por unha Educación Permeable á Cultura Popular. No encontro educadores, psicólogos, técnicos de cultura e políticos analizarán e buscarán novas fórmulas para que no proceso de abandono do rural galego non se perda tamén a cultura.

“Se quitamos a escola do medio rural o rural perde vida. Cada ano pechan máis centros e isto contribúe aínda máis ao seu despoboamento”. Deste xeito explica Xosé Manuel Cid, vicedecano da Facultade de Ciencias da Educación, o círculo pernicioso que supón a retirada de servizos do rural galego, retirada que se produce por falta de poboación e que á súa vez provoca que a xente marche ou non queira vivir nesas zonas.

Contra esta dinámica, nos encontros de Allariz exporanse iniciativas que teñen amosado éxito no intento de garantir a transmisión cultural a través da educación. Entre estes exemplos, Cid cita o caso de Allariz, como un lugar que pasou de ver como as súas aulas se estaban baleirando a estar “desbordados debido á gran cantidade de xente nova que se está trasladando a vivir a esta vila pola alta calidade de vida que lles ofrece”.

A importancia do currículo

Conscientes de que casos como o de Allariz son excepcionais no rural de Galicia, o vicedecano de Ciencias da Educación, salienta que para a pervivencia da cultura popular é necesario que impregne tamén as ensinanzas dos centros de ámbito urbano. “O alumnado, sexa rural ou urbano, ten que coñecer o seu pasado, ten que saber como ese pasado ten que ver co seu presente e cunha forma de falar, de relacionarse, de xogar, de vivir”.

Para conseguir este obxectivo, Cid explica a importancia de que a cultura popular impregne o curriculo educativo dos centros. “O curriculo debe facernos competentes no coñecemento e na práctica da nosa cultura, debe impregnarse da contorna para axudar aos rapaces a reforzar a súa identidade” destaca o profesor. O encontro porá o foco na análise crítica da ausencia da cultura popular nos proxectos educativos desenvolvidos en moitas das escolas e porá en valor o potencial educativo do medio rural, aproveitando didacticamente as experiencias desenvolvidas en diferentes centros de Galicia.