DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Títeres, marionetas de fíos e zancudos amenizarán o Nadal dos máis pequenos

A V Mostra de Teatro Infantil consolida a Ourense como referente das artes escénicas

Haberá 20 representacións entre o día 25 e o 30 de decembro

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Noelia V. Vilanova DUVI 04/12/2008

Títeres, marionetas e zancudos ofrecerán un Nadal cheo de maxia e espectáculo grazas a quinta edición da MOTI, a Mostra de Teatro Infantil de Ourense. Os pequenos da casa poderán gozar dun total de 13 obras teatrais representadas por outras tantas compañías do 26 ao 30 de decembro. Polos escenarios do Teatro Principal, o Auditorio Municipal e o salón multiusos do Edificio de Ferro pasarán espectáculos de danza, teatro, títeres e moitos máis que farán as delicias dos nenos e tamén dos maiores. Non hai que esquecer tampouco o teatro para bebés que repite o seu paso pola MOTI tras o éxito alcanzado na anterior edición. Cun orzamento de 50.000 euros e encadrada dentro do programa Teatrauria que impulsa a Tenencia de Alcaldía de Ourense, a MOTI fai que a cidade se convirta de novo nun referente das artes escénicas.
Para Juan Francisco Gálvez, vicerreitor do campus de Ourense, a MOTI, xunto coa MITEU Mostra Internacional de Teatro Universitario e o FITO Festival Internacional de Teatro de Ourense “forma un triángulo cultural e teatral fundamental na cidade”. “Síntome moi orgulloso de que o campus forme parte destes tres eventos”, engadiu Gálvez, quen tampouco se esqueceu de agradecer a Sarabela Teatro, a Deputación de Ourense e a Tenencia de Alcaldía “que compartan con nós estas ilusións”. Na súa intervención, Gálvez fixo un repaso ás obras que terán como escenario o campus, facendo fincapé “nas representacións para bebés, que o ano pasado tiveron un grande éxito e que me parecen moi especiais”.
Pola súa banda, Olga Mojón, directora do Teatro Principal, deixou claro que “a programación infantil sempre forma parte da planificación anual que fai a miña entidade e ten un peso tremendo, especialmente cando falamos de MOTI”. As representacións neste espazo adoitarán ter dúas sesións “xa que posúe un aforo reducido de 100 espectadores”, concluíu Mojón.
Fernando Dacosta, un dos organizadores da MOTI e director da Aula de Teatro Universitario, destacou a “gran variedade de xéneros que trae a mostra” e salientou a representación teatral que se fará no Complexo Hospitalario “para os nenos que nesas datas non poden saír por cuestións de saúde”. Para Dacosta “este é un teatro de gran calidade, entendemos o ocio con valores culturais e críticos”, non hai que esquecer que o público destas obras “é moi esixente, así como pode rir a cachón se non lle gusta o que ve fai un vacío enorme”.

A aposta do Concello

Desde o Concello de Ourense achegáronse ata o Edificio de Ferro Isabel Pérez, concelleira de Cultura e Alexandre Sánchez, tenente alcalde de Ourense, que non se quixeron perder a presentación eb sociedade deste evento. Pérez destacou a importancia da MOTI que “completa a programación teatral dentro do ciclo anual Teatrauria”. Non é casualidade que estas representacións se fagan nas datas de Nadal “xa que deste xeito ocúpase o tempo de lecer dos pequenos, a MOTI non tería sentido noutra época do ano que non fose vacacional”, concluíu a concelleira agargando “unha gran participación nas actividades tanto dos nenos como dos adultos”. O tenente alcalde, pola súa parte, subliñou a aposta que desde o Concello se ven facendo pola cultura, “estamos a conseguir entre todos que neso que denominamos Teatrauria teñamos unha programación consolidada do máis alto nivel”.

13 obras e 20 representacións

Desde o xoves 25 de decembro e ata o día 30 representaranse un total de 13 obras teatrais en distintos puntos da cidade. As obras están recomendadas para nenos maiores de tres anos, agás no caso do teatro para bebés que abarca dende os seis meses ata os tres anos. Este tipo de representacións “xogan cos estímulos sensorais, o tacto e a música e case non teñen texto”, describiu Dacosta. Outra excepción no tocante á idade é a obra Planeta Darwin, dirixida a maiores de oito anos.
O espectáculo de zancos e acrobacia Seguimos sen atopar a mamá ofrecido pola compañía Zancalino Produs será o encargado de subir o telón da MOTI o xoves 25 na rúa do Paseo.
O día 26 de decembro comeza ás 12.00 horas no Complexo Hospitalario da cidade onde Tanxarina representará Titiricircus, obra de marionetas de fíos e actores. Xa pola tarde, ás 18.00 e 19.00 horas no Teatro Principal, poderase gozar con L’Home Dibuixant da peza Piedra a piedra, teatro de títeres e obxectos. No Auditorio Municipal, tamén ás 19.00 horas, Tanxarina ofrecerá unha nova representación de Titiricircus.
Coa fin de semana chega máis teatro, o día 27 ás 17.00 e 19.00 horas no Auditorio, a aula infantil Gepetto representará Rescuita e o reino dos sentimidos, teatro de actor para nenos de tres a sete anos. Por outra parte, no Teatro Principal, ás 17.00 horas, Cuarta Pared ofrece Ojos y cerrojos. O domingo 28 complétase con cinco obras teatrais, no Auditorio ás sesións serán ás 17.00 e 19.00 horas coa obra xa citada da aula infantil Gepetto. Ás mesmas franxas horarias, no salón multiusos do Edificio de Ferro a compañia Katarsis representará Pacama, teatro para bebés. No Teatro Principal, ás 17.00 horas, Entremáns ofrecerá Qué pasa aquí.
O luns 29 é o penúltimo día da mostra. Ás 17.00 e 19.00 horas no salón multiusos do Edificio de Ferro, La casa incierta representará Anda, outra obra para bebés. No Teatro Principal ás 17.00 os protagonistas serán Cachirulo con Do, re, mi, Mozart xoga aquí e no Auditorio Municipal, Jácara Teatro ofrecerá Los amigos de Bart.
Xa para rematar, a MOTI, despídese o martes 30 con tres representacións. No Teatro Principal ás 17.00 horas Gorakada ofrecerá La ciudad inventada. Ás 19.00 horas no Auditorio Municipal e no salón multiusos do Edificio de Ferro actuarán Rayuela e Trécola respectivamente coas obras Planeta Darwin e Pinokia.

Axuda a UNICEF

As entradas para os espectáculos poderán adquirirse nos distintos espazos en que terán lugar as representacións a partir do día 26. Os horarios de despacho de billetes serán no Teatro Principal de 11.00 a 13.00 horas e unha hora antes da función; no Auditorio Municipal de 11.00 a 14.00 horas e dúas horas antes da representación e, no campus, unha hora antes da obra. Desde o primeiro día póñense á venda as entradas para todos os espectáculos.
En canto aos prezos, o caso do Teatro Principal e do Auditorio o custe será de catro euros e “a recadación do primeiro e segundo día irá destinada integramente a UNICEF”, explicou Dacosta. No tocante ao campus as entradas son de tres euros e “todos os cartos serán a beneficio da ONG”, concluíu o organizador.