DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A actividade desenvólvese anualmente de xeito virtual

A V xornada de control de xestión desde unha perspectiva de xénero reunirá a preto de 200 participantes

Organizada pola UVigo e a asociación iberoamericana deste eido AICOGestión

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Internacional
  • Académica
DUVI Ourense 30/10/2023

Este luns pola tarde celébrase de xeito virtual a quinta edición das xornadas Control de xestión desde unha perspectiva de xénero, co-organizadas pola Universidade de Vigo e a Asociación Iberoamericana de Control de Gestión (AICOGestión). A cita contará coa participación de máis de 200 estudantes, académicos e profesionais procedentes de universidades iberoamericanas. O seu obxectivo é “difundir e promocionar o control de xestión entre o alumnado universitario, con especial atención a dar resposta á necesidade de transversalizar o enfoque de xénero a todos os niveis da sociedade”.

A cita, coordinada polo profesor da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense Ernesto López-Valeiras e por José Berbel, conta co patrocinio de Ecobas e da Unidade de Igualdade da UVigo. Sobre a importancia de abordar a temática destas xornadas, desde a súa organización lembran que a pesar de que as mulleres representan a metade da sociedade e dos avances en igualdade acadados, na actualidade arredor de tres de cada catro postos de control de xestión están ocupados por homes e só un por mulleres. Igualmente poñen o foco na demanda de profesionais especializados en control de xestión.

O público asistente pertence a universidades de España, México, Colombia, Ecuador, República Dominicana, Brasil e Marrocos. Elas e eles asistirán virtualmente a tres conferencias e ao posterior debate. A primeira será de Mary A. Vera, profesora da Universidad Nacional de Colombia (Bogotá), fundadora e directora do grupo de investigación Estudios Interdisciplinarios sobre Gestión y Contabilidad-INTERGES desta universidade. A segunda correrá a cargo de Xavier Martínez Cobas, profesor titular de economía financeira e contabilidade na Universidade de Vigo especialista en financiamento do emprendemento. Por último tamén participará Maite Fernández, doutora en administración e dirección de empresa pola Universidade de Vigo, mentora e experta formadora en finanzas para o emprendemento.