DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Terá lugar o día 10 de xuño na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación

A V Xornada de Innovación Educativa abre as súas fronteiras

Co fin de facilitar e fomentar o intercambio de experiencias docentes

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Jessica Fdez. DUVI 30/05/2011

O emprego das novas tecnoloxías como elemento de apoio docente, as novas metodoloxías didácticas, as innovacións susceptibles de aplicarse aos programas das materias ou ás experiencias nas aulas forman parte dos diversos temas que se tratarán na V Xornada de Innovación Educativa. O éxito desta xornada que permite o intercambio de experiencias docentes, reflíctese no número de inscricións, tanto de poñentes coma de público. Como apunta Marian Villar, membro do comité organizador, “a comisión avaliadora das comunicacións tivo que establecer moitos sesgos: hai moita calidade e un día é pouco tempo para expoñelas todas”.

En total, das 126 propostas recibidas seleccionáronse 22, sendo 14 da Universidade de Vigo e 8 de outros centros tanto españois coma portugueses. Respecto ao número de matriculados, este ano róndanse os 260, aínda que “o prazo segue aberto, probablemente ata dous días antes do inicio da xornada”.

Novidades

Pese que a esencia da xornada é servir como encontro entre os docentes para o intercambio de experiencias e proxectos, fomentar a innovación e a investigación ou reflexionar sobre os cambios pedagóxicos da actividade educativa, este ano introducíronse varias novidades que cabe resaltar.

Por unha banda, a iniciativa abriu as súas fronteiras máis aló da Universidade de Vigo “permitindo a achega de experiencias docentes xa non só das diferentes universidades de Galicia, senón do resto de España e incluso Portugal”. Por outra banda, a necesidade de adaptarse aos programas definidos polo Plan Boloña “fixo que este ano o intercambio de experiencias se realice en xuño, moito antes que outros anos, pero cos mesmos obxectivos e a mesma calidade”, como comenta Marian Villar.

Matrícula e programa

Organizada pola Vicerreitoría de Alumnado, Docencia e Calidade, os asistentes recibirán recoñecemento mediante a correspondente acreditación, manténdose aberto o prazo de inscrición como público ata o día 8 de xuño.

Respecto ao programa, divídese en dous bloques: o primeiro deles, que terá lugar entre as 11,30 h e as 13.30 h, recolle un total de oito conferencias que correrán a cargo de persoas alleas a Universidade de Vigo; o segundo dos bloques, cun total de 22 exposicións, levarase a cabo pola tarde, entre as 15.30 h e as 19.30 h, sendo todas elas de docentes que viviron a súa experiencia na Universidade anfitrioa.