DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No Día das Letras Galegas, homenaxe "a un pioneiro en Galicia das ciencias do mar"

Valentín Paz-Andrade e o mar dos saberes. Por M. Varela e R. Vallejo

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
DUVI 15/05/2012
Se tivésemos que escoller, na nosa perspectiva académica, palabras chave para definir a figura de Valentín Paz-Andrade, poderíamos quedarnos con estas: emprendedor, estudoso, divulgador, home comprometido co país. E nestas facetas, cun fío condutor: o mundo do mar e da pesca. Nunhas memorias (1982), confesaba “sentir o fascinio talasocrático, a cobiza constante de saberes que, día a día, vai acugulando a pesquisa dos sabios, o azar ou a praxe dos oficios mariñeiros. Aquilo que Neruda cantaba: Necesito del mar porque me enseña”.

A ese mundo do mar e da pesca, Paz-Andrade chegara profesionalmente en 1927 cando a sociedade de armadores La Marítima da Vila de Bouzas, base entón da primeira flota de parellas de España, contratou os seus servizos como asesor xurídico, e iniciou as súas colaboracións con Industrias Pesqueras, revista técnica do sector creada tamén en 1927 pola Asociación General de Industrias Pesqueras y sus Derivadas, e revista da que foi director permanente desde 1942. Industrias Pesqueras constituíu, confesaba Paz-Andrade, o "esforzo máis sostido e sistemático que se fixo no país por redimir da precariedade de saberes sobre o mar e os secretos que encerra." Un esforzo por dar a coñecer e promover o sector marítimo-pesqueiro, que el entendía como unha das "pólas marxinadas da produción" en España, e crucial nunha economía e unha realidade marxinada como a de Galicia, cun pobo "secularmente decimado pola fame rural, a pobreza, o éxodo, a vivenda infrahumana…". Unha realidade que, como home de acción que foi, non se limitou a describir ou a lamentar, senón que abordouna dende a súa particular filosofía vital: encarar a "conquista da prosperidade dun pobo". Unha conquista imposta así mesmo como tarefa. Galicia como tarea, títulou o libro publicado en 1959 en Buenos Aires, cun eixo director, o de crear un pensamento económico a favor do desenvolvemento de Galicia, volvendo a aparecer a problemática socioeconómica como motivo central do posterior La marginación de Galicia, publicado en 1970, onde aos diagnósticos se sobrepoñen as propostas de solución.

Esta é unha constante de Valentín Paz-Andrade que percorre o seu pensamento e a súa biografía: coñecer, diagnosticar, divulgar o coñecemento e actuar desde a sociedade civil ou emprender desde o mundo dos negocios. Foron estas facetas, as que antes aludíamos, as que encontraron en Paz-Andrade, no ámbito do mar e da pesca, posiblemente o seu máis amplo e fecundo campo de realización.

Compre lembrar que Valentín Paz-Andrade foi o noso primeiro experto en Economía pesqueira, á que chegou, primeiro, desde a súa relación co sector pesqueiro de Vigo e, a continuación, polo pulo que rematada a II Guerra Mundial se lle deu dende a FAO ao coñecemento interdisciplinar do mar. Aquí foi fundamental o papel xogado polo eminente biólogo pontevedrés, exiliado en México, Bibiano Fernández Osorio-Tafall, "posiblemente o galego más internacional do século XX", a xuízo de Alfonso Paz-Andrade (Faro de Vigo, 13-5-2012, p. 25). El fora nomeado en 1949 director rexional de Pesca da FAO para América Latina e, en 1951, director da Oficina Rexional da FAO para América Latina Occidental, con sede en Santiago de Chile, onde foi codirector e profesor do Centro de Capacitación Pesquera, ao que en 1952 invitou como profesores de Oceanografía e de Economía Pesqueira a Fernando Buen e a Valentín Paz-Andrade.

De aí viñeron as principais publicacacións de Valentín na materia: Principios de Economía Pesquera (Santiago de Chile, FAO, 1954, con prólogo de Osorio-Tafall), Producción y fluctuación de las pesquerías (Madrid, Unesa, 1954), Sistema económico de la pesca en Galicia (Buenos Aires, Ed. Citania, 1958), ou artigos como Origen de los procesos industriales aplicados a la producción de la mar, recollido nas actas da II Asamblea General del Centro Experimental del Frío celebrada en Vigo do 4 ao 9 de novembro de 1957 ou El proceso de expansión de las pesquerías españolas publicado no mesmo ano na Revista Información Comercial Española. Tamén xurdiron, a partir daqueles cursos de capacitación, ducias de conferencias e leccións, en foros universitarios ou organismos internacionais ou nacionais, nos que participou como experto en Economía e Dereito marítimo.

Deste tipo eran os que se celebraban en Vigo como Cursos Universitarios de Vran, nos que Paz-Andrade participou dende 1957, cando se empezaban a introducir nos mesmos, paseniñamente, especialistas do mar e da pesca. Na década dos sesenta e dos setenta participou en congresos de pesca (Roma, 1960; Göteborg, 1965) e conferencias internacionais, como foi a decisiva III Conferencia das Nacións Unidas sobre Dereito do Mar (1973-1982), onde se decidiu, en termos "inmoderados" segundo el, a ampliación a 200 millas da zona de exclusión pesqueira, que revolucionou o sistema pesqueiro mundial en prexuízo de potencias pesqueiras, como Galicia, sen apenas plataforma continental e con dereitos tradicionais en terceiros países. Tampouco debemos esquecer o papel de enlace de Paz-Andrade coa Historia, como reflexa o documentado Estudio Preliminar que abre a edición do Ensayo de una Historia de los Peces, de José Cornide (Sada, Ediciós do Castro, 1983).

Cómpre lembrar así mesmo que como emprendedor, Paz-Andrade é coñecido por ser un dos fundadores de PESCANOVA, compañía da que foi nomeado vicepresidente cando se fundou (Vigo, 1960) e á que el lle deu o seu nome galego. Esta empresa caracterizouse pola descuberta de caladoiros novos e pola innovación en España das tecnoloxías da pesca e do conxelado a bordo. E unindo empresa, mar e pesca, son de salientar igualmente as súas xestións, a través de Industrias Pesqueras, para que se celebrara en Vigo en 1973 a World Fishing Exhibition. De feito, en Industrias Pesqueras o propio Paz-Andrade e os seus máis estreitos colaboradores, víronse obrigados a facer un traballo moi intenso para dar contido as edicións extraordinarias da revista con motivo daquela Exposición Mundial de Pesca, dada a pouca dispoñibilidade "de plumas impostas na problemática do mar".

Esa ocasión serviulle a Paz-Andrade para convocar en Vigo, desde a súa visión ecuménica e interdisciplinar das cuestións pesqueiras e marítimas, aos directores de todas -ou case todas- as revistas pesqueiras do mundo. Porque el entendía entón, como sempre entendeu, que a problemática do mar e da pesca, do máis grande interese local e rexional, había que tratala en foros abertos ao mundo, porque era un home de auténtica proxección internacional, que naqueles foros respiraba unha liberdade da que carecía o país en tempos da ditadura. Alí vía tecerse afinidades nas que sobresaía a da "entrega ás ciencias do mar, como fonte de recursos para reducir a fame. Unha utopía aínda –afirmaba en 1982-, que todos os países tiñan a obriga de ir virando en realidade".
Tiñan e teñen. Porque ese mar que para a maioría da xente é só un elemento da natureza, era para Paz-Andrade "un mundo en si mesmo, con leis propias, en grande parte aínda secretas. Un mundo ultrafecundo de froitos acabados e autorrenovábeis, con dimensións máis de dúas veces superiores ás da terra. Un macroorbe subxugador, polo misterio con que encobre a súa dinámica bioeconómica." De aí que advertira, en 1970, con verbas que hoxe podemos subscribir, que en relación á pesca: "Non se pode perder de vista que a industria opera sobre recursos autorrenovables… En calquera caso, o índice de reconstitución espontánea das poboacións haberá de quedar sempre a salvo. Cando este principio se respecte a produtividade das faenas de captura debe supoñerse asegurada. Cando o equilibrio entre conservación e extracción se rache, por exceso da segunda, devastación de exemplares inmaturos, etc. o espectro da overfishing asoma, cando menos de forma cíclica" (La marginación de Galicia, pp. 268-269).

O home de acción e pensamento que foi Paz-Andrade non viviu a creación da Universidade de Vigo, e moito menos a experiencia nacente do Campus do Mar, co que el sen dubida se sentiría moi identificado. Ao fin e ao cabo el foi, dende a Economía e o Dereito, e sempre con vocación interdisciplinar, un pioneiro en Galicia das ciencias do mar. Temos que ir pensando en recuperalo. Aínda que sexa para que a identificación co mar e a pesca que nos move, poida unir ás tarefas presentes coa fonte de inspiración constituída polo labor fecundo, histórico, dun precursor excelente, que se impuxo Galicia e o seu mar de saberes como tarefa permanente, vital.