DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O catedrático de arte achegouse ao campus para falar da obra 'La ilustración gráfica en Galicia 1880

Valeriano Bozal evidencia a tensión entre vangarda e identidade na ilustración galega

Convidado polo grupo de investigación AH2 da Universidade de Vigo que realizou a publicación

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 10/11/2011
Valeriano Bozal, catedrático da Universidade Complutense de Madrid, está considerado un referente no estudo da arte española. Por este motivo, o grupo de investigación AH2 do Departamento de Arte, Historia e Xeografía da Universidade de Vigo quixo convidalo ao campus de Ourense con motivo da publicación do seu libro La ilustración gráfica en Galicia 1880-1936 e a segunda edición de La ilustración en la revista Nós. Unha visita que Bozal aproveitou para afondar na tensión entre tradición e vangarda que, na súa opinión, subxace na ilustración galega no período previo á Guerra Civil española.

“Lendo estes libros xurde de inmediato a cuestión de se esta ilustración gráfica galega é moderna ou tradicional, local ou cosmopolita. Hai unha especie de tensión constante entre a pretensión de vangarda e o afán identitario que é palpable ao longo das ilustracións e textos que recolle a publicación La ilustración gráfica en Galicia 1880-1936”, destacou Bozal na súa intervención, onde estivo acompañado por María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense; Mª Victoria Carballo Calero, catedrática e coordinadora da publicación, e o editor Alfonso Prada.

O nacionalismo que freou a vangarda

Tomando como exemplo as portadas da revista Nós que realizou Alfonso Rodríguez Castelao, o catedrático salientou que se pode apreciar unha evolución na ilustración desa época, “unha volta ao tradicional, como se de pronto decidisen volver ao pasado e abandonar o futuro que representaban as primeiras portadas de vangarda de Nós”. Indo alén dunha primeira interpretación, Bozal advertiu que esta volta atrás pode ser interpretada como unha etapa máis cara o futuro e non só como un camiño cara o pasado.

Afondando nesta cuestión, a tamén catedrática Mª Victoria Carballo Calero apuntou como esta tensión se exemplifica na relación entre os ilustradores galegos Maside e Seoane, que no seu momento se distanciaron polo enfoque máis identitario na ilustración do primeiro e vangardista do segundo. “O nacionalismo freou a vangarda”, comentou Carballo Calero.

Por ser Valeriano Bozal un referente na historia da arte, o grupo de investigación AH2 da Universidade de Vigo recibiu con especial satisfacción as palabras do catedrático cando se referiu ao seu libro La ilustración gráfica en Galicia 1880-1936 como “un libro excelente, que por primeira vez ofrece unha visión de conxunto da ilustración nesa época pero que ao mesmo tempo analiza caso a caso”. Tanto esta publicación como La ilustración en la revista Nós, que durante o acto celebrou a presentación da súa segunda edición, serven na opinión deste experto para darse conta de que “o imaxinario galego na ilustración é máis complexo do que a primeira vista poida parecer”.