DUVI

Diario da Universidade de Vigo

María del Carmen Seijo, profesora da área de Botánica da Facultade de Ciencias:

"O valor económico do mel en Galicia supera os 12 millóns de euros"

A docente dirixiu un obradoiro de iniciación á apicultura no que participaron 11 estudantes

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Raquel Feijóo DUVI 01/06/2010

A apicultura é unha actividade que sempre estivo vinculada ao mundo rural con tanta tradición como ten a produción de viño. Na actualidade o censo de apicultores en Galicia está próximo ás 3500 persoas que teñen ao redor de 100.000 colmeas emprazadas, sobre todo, nas provincias de Lugo e Ourense. María del Carmen Seijo, profesora da área de Botánica da Facultade de Ciencias, explica que a importancia económica desta actividade radica na súa capacidade de achegar rendas complementarias aos agricultores. Con todo, a docente asegura que nos últimos tempos hai un crecente número de apicultores cuxos ingresos económicos dependen maioritariamente da apicultura. “Tendo en conta unha media de produción de mel de 20 quilos por colmea o valor económico do mel en Galicia superaría os 12 millóns de euros, ao que se debería engadir o valor doutros produtos da apicultura e o comercio de materiais e colmeas”, declara.
Grazas a un obradoiro de iniciación á apicultura dirixido pola profesora Seijo que acaba de rematar, 11 persoas posúen xa os coñecementos básicos da actividade que lles permitirían coidar das súas propias alvarizas. No seu transcurso os participantes –estudantes da Universidade de Vigo, persoal da institución e xente allea ao mundo académico- trataron temas como a morfoloxía da abella e as súas principais patoloxías, o material apícola, o manexo da colmea e a flora e os produtos apícolas, entre outros.

Visita a alvarizas e unha cata de mel

Así mesmo o programa incluíu varias clases prácticas como a visita a alvarizas “coa finalidade de introducir aos estudantes no manexo apícola e para amosarlles a situación sanitaria dunha colmea”, segundo explica a docente. Tamén visitaron o Museo do Mel e participaron activamente nunha cata comentada de mel realizada por persoal do Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia “na que os estudantes puideron percibir as diferentes características sensoriais do mel producido na nosa comunidade”, afirma.
A directora do obradoiro valora moi positivamente a celebración deste seminario no campus “non só porque diversifica a oferta educativa das actividades culturais da Universidade senón tamén porque abre a formación a outros eidos da sociedade”. A docente subliña tamén a importancia da iniciativa na súa capacidade de formar persoas especializadas “nunha actividade tan beneficiosa para todos e, sen embargo, tan descoñecida”, declara.

O 95% da polinización depende das abellas

Asegura a profesora Seijo que as abellas teñen un innegable valor económico derivado da súa actividade como polinizadores, “xa que o 95% da polinización depende delas”, declara. A utilidade da polinización non é exclusiva da agricultura, senón tamén da conservación da flora silvestre. Segundo a docente, “facilita a produción de sementes e o cruzamento xenético entre individuos da mesma especie, entre outras calidades”, uns datos cos que sinala que “a abella participa nun 65% no mantemento da biodiversidade e nun 35% na produción da nosa alimentación”.
A apicultura é unha actividade agrogandeira que está ao alcance de todo o mundo salvo para aquelas persoas que sufran alerxias severas ás picaduras destes bechos. “De non ser este o caso é suficiente con ter gañas. Débese ter en conta que as abellas só pican para defender o seu, polo que se se manexan con precaución o risco de picaduras é moi baixo”, declara.
Con todo a profesora recoñece que a práctica da apicultura ten algúns inconvenientes que poden facela difícil. O primeiro é o feito de que as abellas pican “e as picaduras poden resultar perigosas para algunhas persoas e animais”. En segundo lugar, é un labor que esixe certa dedicación que o practicante debe ser capaz de proporcionar. “Polo demais é unha actividade apaixonante que fai que moitas persoas sexan apicultores por puro ocio. As abellas son uns animais que teñen moito que ensinarnos, tanto deles como da natureza que os rodea e da que dependen”, afirma.