DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A vangarda musical e as estreas teatrais caracterizan a programación cultural para o primeiro cuadrimestre

A actuación inaugural terá lugar este xoves da man de Facto Delafé y las Flores Azules

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
Romina Vázquez DUVI 20/10/2008

Facto Delafé y las Flores Azules, unha das bandas do momento musical español, será a encargada de inaugurar a programación que a Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes ten prevista para este primeiro cuadrimestre. Pero non só fai unha aposta pola vangarda musical, senón que o ciclo complétase con actuacións teatrais innovadoras para facilitar que os universitarios se acheguen ás últimas creacións culturais en todos os ámbitos e formar así aos futuros espectadores.
Caracterizada pola súa novidade, a programación prolongarase ata o vindeiro 17 de decembro co tradicional concerto de Nadal que, a cargo do grupo Milladoiro, terá como escenario o Centro Cultural Caixanova. O resto de actuacións desenvolveranse no Teatro Vidal Bolaño e no Centro Comercial do campus.

Música para todos os gustos

Trala actuación de Facto Delafé y las Flores Azules, o Teatro Vidal Bolaño volverá abrir as súas portas o vindeiro 5 de novembro para acoller o primeiro concerto do Ciclo Sonora 08, que correrá a cargo da banda norteamericana The Strugglers. The Latest Rights, o seu último disco, dará contido á sesión xunto coa proxección do documental Neil Young: Heart of Gold.
A continuación, o 12 de novembro os protagonistas serán os grupos Mishima e Manos de Topo. Mentres que para o primeiro, as melodías pop e os detalles de electrónica e rock serven como base para transmitir historias cotiáns cheas de melancolía e esperanza, o segundo destaca pola desvergoña dos seus sons, as súas letras e as súas cancións.
O broche de ouro á programación musical porao o concerto de Nadal coa actuación de Milladoiro, que estará acompañado no escenario por Mafalda Arnauth, unha das mellores fadistas do momento, así como outros convidados sorpresa.

O teatro, no escenario e na rúa

Cun cartel plagado de estreas, a programación teatral dará comezo o próximo 30 de outubro da man de Nut Teatro que interpretará a súa obra A Mirada de Pier, nacida da propia actividade artística.
Dame Veleno, unha peza para gozar das sorprendentes sensacións que nos invaden cando non sabemos o que nos espera detrás dunha porta, chegará ao escenario do Teatro Vidal Bolaño o 19 de novembro. A representación correrá a cargo da compañía Sarabela, premiada en numerosas ocasións por público e crítica e caracterizada pola alta intensidade que outorga ás súas montaxes.
O 3 de decembro terá lugar a última representación teatral, nesta ocasión da man dos internacionais Yllana que, tralo éxito acadado na pasada edición, regresan á Universidade con Brokers, unha peza que retrata o mundo das finanzas.
Con respecto ao teatro de rúa, os meses de novembro e decembro contarán coa presenza dos arxentinos Los Estrambóticos, dos galegos Cigani & Cia e o catalán Boni, que presentará o seu primeiro espectáculo en solitario, In Situ.