DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O seu espectáculo "Mecanium" inaugurou o congreso internacional Pé d Letra

A vangarda sonora de Pierre Bastien abre a porta da creatividade das letras

O encontro xirará arredor das experiencias do grupo OULIPO, Obradoiro de Literatura Potencial

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 21/04/2009

Creatividade literaria e vangarda musical uniron esta tarde as súas potencialidades na inauguración do congreso internacional Pé d Letra. O multi-instrumentista e compositor francés presentou o seu espectáculo Mecanium no Teatro Vidal Bolaño no arranque desta xuntanza que se desenvolverá no Verbum ata o vindeiro venres e na que escritores, críticos e tradutores de prestixio mundial afondarán na literatura potencial, nos xogos e na creatividade que ofrecen as letras, as palabras e as súas posibles composicións.
Precisamente as palabras mestúranse no traballo de Bastien cos sons e as notas para crear unha harmonía da man de artefactos mecánicos que producen efectos incribles. Instrumentos tradicionais e outros deseñados polo propio creador a base de percutores, motores e temporizadores danse a man coa percusión, a corda e o vento para obter como resultado melodías entre o jazz e a electrónica e imaxes de mecanos creando música que se proxectan nunha pantalla xigante. E é que a elección de creador francés para inaugurar a xuntanza non é accidental, xa en 1996 compuxo de forma oulipiana Eggs air sister steel, de acordo aos preceptos da literatura potencial á que ten homenaxeado en verias ocacións e sobre a que traballa o grupo OULIPO, Obradoiro de Literatura Potencial dende 1960 e do que forman parte varios dos relatores convidados.
A vicerreitora de Extensión Cultural e Estudantes, Mª del Carmen Cabeza, foi a encargada de dar a benvida aos asistentes e felicitou aos organizadores Gonzalo Navaza e Hermes Salceda, da Universidade de Vigo e María Keating, da Universidade Do Minho. Xunto con estas institucións, toman parte neste simposio as universidades de Nova York e Paris III Sorbonne Nouvelle.
Precisamente Hermes Salceda salientou na inauguración a “materia prima coa que contamos” e o peso da rede de investigadores e expertos que dende anos atrás “traballamos con tentáculos en moitos países sobre os preceptos da literatura potencial”. Neste sentido, quixo destacar a importancia de situar á Universidade de Vigo nunha rede internacional deste tipo de xuntanzas e xustificou a celebración dos relatorios no Verbum Casa das Palabras, “é un lugar singular onde os haxa é a localización natural para un encontro sobre oulimpismo”.
Sobre a actuación de Pierre Bastien para abrir o congreso, Salceda destacou a súa traxectoria artística ao longo da cal realizou numerosos homenaxes ao OULIPO e apuntou que “xunto coas dúas exposicións sitas no Verbum, serve para abrir o noso campo de traballo a todo tipo de públicos”.
No acto de apertura estivo presente tamén Rosendo Covelo, director do Verbum e María Keating en calidade de organizadora e relatora que apuntou o peso que na península ibérica ten a creatividade vinculada ás letras e ás palabras e aos xogos ás que estas poden dar lugar. Xunto con eles, Jean-Jacques Thomas da State University of New York e Éric Beaumatin, da Universidade de Paris III salientaron o potencial de Galicia neste tipo de literatura creativa e a “complicidade con esta terra de poetas”. María del Carmen Cabeza animou a todos eles a traballar arreo ao longo destes días “xa que o éxito deste encontro depende do partido que lle saquedes a esta semana”.

Dúas exposicións xa abertas

Aínda que a apertura oficial do congreso tivo lugar esta tarde, dúas da actividades que forman parte da programación están abertas ao público dende o pasado día 14. Para apoiar o contido específico desta xuntanza, a organización programou no Verbum dúas exposicións para non iniciados no tema. Deste xeito, a través do cómic e da literatura, os visitante poden achegarse grazas a exemplos ao contexto do congreso. Por unha banda, poden visitar ArteLetrA, unha exposición de textos de literatura potencial e das regras da escritura oulipalianas que ten como obxectivo ilustrar a inventiva potencial da letras. Esta mostra permanecerá aberta ata o vindeiro 30 de abril no primeiro andar da Casa das palabras de 10.00 a 19.00 horas e con entrada de balde.
A outra exposición temporal ten á banda deseñada como protagonista baixo o nome de SeverOreveS e, co mesmo horario que a anterior, permanecerá aberta tamén no Verbum ata o vindeiro 8 de maio. A mostra permite aos curiosos achegarse ao cómic con pezas palindrómicas, palabras ou frases que se poden ler tanto de esquerda a dereita como á inversa e como é o caso dos propios nomes das exposicións. Neste caso concreto, recóllense exemplos de cómic palindrómicos, “historias contadas con debuxos que ao invertelos crean outra imaxe e outra historia diferente”, explicou Hermes Salceda, vertebrando a mostra arredor de Gustave Verbeek, innovador do grafismo contemporáneo, e da serie Terre Creuse dos irmáns Schuiten.
As sesións plenarias comezan mañá mércores coa conferencia inaugural da man de Marcel Bénabou, escritor, secretario do OULIPO e profesor na Universidade de Paris VII e de Jean-Jacques Thomas da State University of New York a partir das 10 horas no Verbum.