DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O alumnado da Escola Infantil recolleu as uvas e amasounas coa axuda do profesorado

Vendimar, pan comido para os estudantes máis novos do campus

Tamén debullaron mazarocas de millo e elaboraron boliños para cocer nas súas casas

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Iolanda Fernández DUVI 22/10/2013

Uns días antes de que a choiva chegase con forza a Pontevedra, o alumnado da Escola Infantil do campus realizou, con grande éxito e sen nada que envexarlle aos adultos que levan anos facendo isto, a súa propia vendima. Un actividade realizada este ano por primeira vez na escola e na que colaboraron tanto o profesorado como as familias achegando ata o centro ducias e ducias de ramos de uvas. O patio exterior converteuse nun improvisado campo cheo de parras, todas elas recreadas con cordas nas que o persoal da escola colgaba as uvas. Ademais de traballar moi duro, mentres vendimaban, algún que outro pícaro non puido evitar catalo produto “experimentando novos sabores e texturas”, explica a directora da Escola Infantil, Ángeles Rodríguez.

“Foron tres mañás moi entretidas tanto para os nenos como para os propios pais e nais que nalgúns dos casos non podían deixar de asexar detrás das portas para ver como se lles daba iso de vendimar aos máis pequenos da casa”, salienta Rodríguez. Aínda que algunhas das uvas remataron no chan, a inmensa maioría foron parar a uns pequenos baldes nos que posteriormente os nenos e nenas as amasaron. As mans, os pés ou calquera outra parte do corpo foi de moita utilidade para conseguir ese zume “só apto para os maiores”, destaca a directora da escola infantil do campus.

Boliños de pan feitos con fariña de millo

Ademais de vendimar, os alumnos e alumnas máis pequenos do campus tamén están a experimentar estes días co millo, debullando as mazarocas e elaborando os seus propios boliños de pan que este martes deberán levar ás súas casas para cocelos e poder compartir cos seus pais, irmáns ou avós o resultado de varias xornadas de traballo. Implicar ás familiar e aprender a traballar en grupo son dous dos obxectivos principais destas dúas actividades que se enmarcan na programación de outono da Escola Infantil na que tamén se inclúe un magosto que se celebrará a comezos do vindeiro mes de novembro.