DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A iniciativa enmárcase dentro das actividades organizadas polo Campus do Mar e promovida pola FECYT

Este verán o campus encherase cos científicos e investigadores do futuro

Durante o mes de xullo 60 rapaces e rapazas de toda España coñecerán de preto os segredos do mar

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
M. Del Río DUVI 29/06/2011
Entre batas, laboratorios, experimentos e saídas de campo, e tamén de mar, pasarán o seu verán algúns dos mellores expedientes da ESO e do Bacharelato de España. Farano no campus do Vigo para achegarse, ao abeiro do Campus do Mar, ao coñecemento sobre o medio mariño.

En total, en dúas quendas de 15 días e 30 estudantes cada unha, visitarán Vigo 60 mozos e mozas procedentes de diversos puntos da Península para gozar dun campus científico de verán no que poderán coñecer en primeira persoa o traballo desenvolto pola comunidade investigadora da Universidade, con especial fincapé nos temas relacionados co mar. Os primeiros en chegar farano este luns 4 de xullo para dar paso a dúas semanas repletas de actividades científicas, visitas e excursións pero sen deixar de lado o tempo de lecer.

Esta iniciativa, que se desenvolverá paralelamente en outros Campus de Excelencia Internacional do estado, pretende reunir a algúns dos mellores expedientes do ensino secundario e proporcionarlles unha primeira inmersión no océano da investigación.

Obxectivos do campus científico

Esta iniciativa, promovida pola FECYT, ten como obxectivo dar a coñecer o Campus do Mar entre os que van ser os investigadores e profesionais do futuro. A idea á potenciar as capacidades do alumnado que amosa especial habilidade no eido científico e no tecnolóxico, estimulándoos nun momento crucial no que están a piques de decidir o seu futuro académico. Nos días que pasen en Vigo, dedicaran as mañáns principalmente a traballo de investigación para o que se achegarán aos laboratorios dos centros. As tardes alternarán sesións divulgativas con talleres de comunicación e actividades deportivas como carreiras de orientación ou mergullo. Unha das actividades máis atractivas do programa é a travesía marítima no buque Mytilus para percorrer a ría e coñecer o traballo de investigación que se desenvolve nos barcos oceanográficos.
A segundo quenda de mozos tomará o relevo na segunda quincena de xullo.